domingo 19/09/21

A recuperación da economía galega chegará en 2022

Afundación presentou o informe A Economía Galega 2020-2021, que destaca o mellor comportamento de Galiza fronte a crise derivada da Covid
Presentación do informe 'A Economía Galega 2020-2021' en Compostela (Foto: Xoán Roberes).
Presentación do informe 'A Economía Galega 2020-2021' en Compostela (Foto: Xoán Roberes).

Galiza recuperarase dos efectos económicos da crise da Covid "máis rápido do previsto", concretamente a mediados de 2022. Así o ven os economistas Juan Ares e Pedro Veiga, que onte presentaron en Compostela o resumo executivo do informe A Economía Galega 2020-2021, elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza da Universidade de Compostela (USC), Afundación e o Centro de Investigacións de Abanca.

Segundo destaca o propio informe, 2020 foi un ano "inédito" no que Galiza resistiu mellor o embate da crise derivada da Covid grazas á fortaleza do comercio exterior, a solidez do sector primario e a menor dependencia do turismo. 

Porén, os economistas que onte presentaron o documento recoñecen que a información conxuntural é "cambiante" e que todo vai depender da evolución da pandemia nos próximos meses. 

Con todo, amósanse optimistas ante o comportamento "expansivo das exportacións" e o bo resultado dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE),  que foron "o salvavidas de miles de empregos".

Sobre o escenario futuro, os economistas cifran "arredor de 6%" o crecemento do PIB galego para 2021. "A mediados de 2022 acadaremos niveles de PIB e de produción previos á pandemia. España aínda tardará un pouco máis, até finais de ano ou principios de 2023", apuntan. 

Leccións aprendidas

Un aspecto sobre o que chaman a atención os expertos é sobre o feito de que esta crise modificou a correlación entre o impacto no PIB e no emprego, en gran medida gracias aos ERTE. 

Na mesma liña, destacan que as "leccións aprendidas" da anterior crise permitiron mitigar a afección na economía. Entre esas leccións figura a solvencia do sector financeiro para manter o crédito, a importancia de Europa e da súa política expansiva en lugar de austeridade, e o papel do Banco Central, que foi "crítico" para conter a prima de risco e manter os tipos estábeis.

Pola contra, como aspectos negativos recollidos no informe, salientan o feito de que, durante a crise, a destrución de emprego afectou máis ás mulleres, e tamén o comportamento "asimétrico" do emprego xuvenil, unha situación que, como recoñecen, "preocupa".  

comentarios