O recorte das cotas pesqueiras esperta preocupación no Ministerio

A proposta da Comisión Europea para 2020 inclúe recortes de 20% en pescada e até 50% no xurelo.

Actividade Pesqueira
photo_camera Actividade Pesqueira

A proposta para Atlántico e Mar do Norte da Comisión Europea sobre os Totais Admisíbeis de Capturas (TAC) e cotas pesqueiras para 2020 non gusta a ninguén. Nin sequera ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que ve “preocupante” unha proposta de Bruxelas que pelexará por cambiar para acadar o maior nivel posíbel de cota para a flota.  

No caso da pescada, a redución prevista é de 20% para as poboacións de Gran Sol, Cantábrico e Golfo de Cádiz, aínda que se seguen a explotarse en rendemento máximo sostible poderían continuar cumprindo este obxectivo da Política Pesqueira Común, mesmo con descenso menor do TAC.  

Para o xurelo do sur de Galiza, augas de Portugal e Golfo de Cádiz, a proposta de Bruxelas é de reducir en 50% as capturas atendendo ao ditame do Consello Consultivo de especies peláxicas, “pouco coherente” coa recomendación científica de incrementar as cotas, segundo o Ministerio. No do Cantábrico, a redución sería menor (42%).

Presión negociadora

Nos debates técnicos que se iniciarán próximamente, o Goberno español tratará de mellorar as proposta tendo en conta as recomendacións científicas e a consideración da importancia socioeconómica e estabilidade destas pescarías, que non deberían estar sometidas a variacións tan extremas dun ano a outro. Tamén buscará a reapertura da pescaría da cigala, fechada desde 2017, mellorando a información científica da unidade funcional 25, na zona de Galiza.

Outros temas que o Goberno abordará nesas reunións son o mantemento dos mecanismos de flexibilidade xa adoptados para este ano e a plena aplicación da obriga de desembarque e que poden poñerse en risco pola reducida proposta para o bacallau do mar Céltico.

Comentarios