Rebelión de concellos contra a Lei de Acuicultura da Xunta

Gobernos locais aproban mocións contrarias ao ante-proxecto en plenos con asistencia de centos de persoas. O sector prepara a gran mobilización para finais de febreiro baixo o lema 'Defender o Mar'.

Batea de mexillón. (Foto: Nós Diario)

Un tras outro, concellos das comarcas do Barbanza, O Salnés... están a se posicionar de forma pública e oficial contra o ante-proxecto de Lei de Acuicultura da Xunta de Galiza, pedindo a retirada do mesmo e que se dialogue co sector do mar. Unha rebelión municipal contra a proposta da Consellería do Mar na que toman parte os gobernos de concellos costeiros, independentemente da súa cor política. Hainos desde nacionalistas (Rianxo), socialistas (A Illa) e até do PP (Vilanova de Arousa). Sanxenxo, Ribeira ou O Grove son outros municipios nos que se aprobaron mocións contra a Lei de Acuicultura, sinalada polo sector do mar como porta de entrada para o desembarco de multinacionais de psicicultura industrial nas rías galegas en detrimento das actividades tradicionais e sustentábeis (pesca, marisqueo, mitilicultura.

En plenos como o do Grove por volta de 500 persoas fixeron acto de presenza para asistir ao debate e apoiar que se retirase a lei. O voceiro do PP neste concello con alcalde socialista chegou a dicir no pleno que había que devolver o ante-proxecto “a onde non debeu saír nunca”.

Fin das negociacións.

O mexilloeiro (sector con miles empregos directos) é un dos que máis está a dar a batalla contra a proposta da Consellería. De feito, os representantes das organizacións de produtores do mexillón dan por roto o diálogo coa Xunta mentres non se retire o articulado da Lei, decisión adoptada para cumprir o mandato dado polos seus asociados. Isto xa tivo efeitos: non acudiron á Comisión dio Mexillón, organismo no que está representado sector e administración.

Mentres, segue a articularse a contestación pública á Lei de Acuicultura. A Federación galega de confrarías puxo o 27 de febreiro como data para unha gran mobilización en Compostela de todo o sector do mar. Agrupacións, asociacións e entidades de mariñeiros, parquiostas, mariscadoras e bateeiros analizan agora formato e data definitiva da mesma. O que si que hai, en principio, é lema. “Defender o Mar”.

Comentarios