Rebaixas e COVID-19 matan o comercio

A apertura do pequeno comercio, un dos sectores económicos máis prexudicados polo estado de alarma, non comezou con bo pé. O BOE facilita a realización de rebaixas a través de internet, favorecendo as grandes marcas pola súa implantación, cando as tendas teñen mercancía sen vender desde marzo.
comercio rebaixas (RiobooPrada)
photo_camera (Rioboo Prada)

"O das aglomeracións nas rebaixas rematou". Esta afirmación tan contundente procede de José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio. Os pequenos estabelecementos que abriron esta semana por entrar Galiza na fase 1 do desconfinamento non recibiron moi ben a disposición adicional publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) na que se indica que "non poderán anunciar nin levar a cabo accións comerciais que poidan dar lugar a aglomeracións de público, tanto dentro do estabelecemento comercial como nas súas inmediacións".

Mais esta restrición "non afectará as vendas en rebaixa nin tampouco as vendas en oferta ou promoción que se realicen a través da páxina web". A situación, entenden desde a federación, prexudica o pequeno comercio, que ten toda a mercancía paralizada desde que se decretou o estado de alarma, e conta con darlle saída agora para, logo, poñer as rebaixas. 

Vendas por internet

As vendas por internet supoñen unha parte importante dos ingresos das grandes marcas, mais no pequeno comercio unha maioría non conta con esa ferramenta e para os estabelecementos que a teñen non lles significa aumentar moito a facturación mensual.

Mario é propietario, desde hai anos, dun estabelecemento de venda de material deportivo no centro histórico de Compostela. Conta con páxina web máis para promover o seu comercio que para vender. "Eu trato coa clientela, coñécenme e é a maneira que teño de vender", explica a Nós Diario, "a posibilidade de que as grandes marcas poidan facer descontos por internet é unha ruína para nós", engade. Sinala que o Goberno estatal debe controlar a venda por internet.

"Facer pagar impostos a esas grandes compañías, non temos as mesmas condicións por moito que hai quen confíe que venderemos a través de Amazon", asegura.

A poucos metros ten o seu comercio María. Vende téxtil mais coa característica de que traballa o sector das celebracións. "Eu non teño internet e agora mesmo non podo permitirme facer rebaixas", explica a Nós Diario, "de seguir así acaban co comercio".     

A revolta do comercio

A petición unánime do pequeno comercio galego é que se regule o período de rebaixas. "Antes da pandemia xa pediamos normalizar as datas para facer descontos, agora pedimos que se adíen até finais de agosto como mínimo", indica a Nós Diario Seijas.

Diante desta situación algúns comercios galegos decidiron realizar rebaixas igual nos seus estabelecementos malia a orde publicada no BOE. "Tal e como está redactada, se eu poño un cartel no escaparate xa podería facer descontos", sinala.

Comentarios