Rebaixan o triunfalismo de Feijóo na tarifa eléctrica para Alcoa

A orde ministerial que anunciou o candidato popular que mantén  a tarifa eléctrica en Alcoa non sería máis que unha simple proposta do Ministerio á Comisión de Enerxía, apuntan na sección da CIG nesta planta.

A CIG na planta de Alcoa na Coruña advirte que a Orde Ministerial "que presuntamente firmou o ministro Soria a quinta pasada, e que garantiría un prezo competitivo da enerxía eléctrica para a industria, non é tal". A central nacionalista lembra que, "de momento non é máis que unha proposta que foi enviada polo ministerio de Industria á Comisión Nacional da Enerxía, para que esta elabore un informe preceptivo en que pode facer alegacións ou propoñer modificacións ao contido parcial ou total de dita Orde Ministerial".

Alén disto, desde o sindicato lémbrase que a trasnacional Alcoa non se pronunciou publicamente dando por solucionado o problema "e non garantiu de ningunha forma a continuidade da actividade nas fábricas de produción de aluminio que ten en Galiza. Aprazou a decisión final a finais de ano cando estea en vigor esa suposta norma, e ao resultado da negociación que ten que levar a cabo coas compañías produtoras de electricidade".

Comentarios