A Xunta prevé reabrir "para as próximas mareas" zonas fechadas á mexilla ante a crecente tensión co sector

Esta terza feira tres organizacións de bateeiros abandonaron a mesa de diálogo coa Consellaría en sinal de protesta polas últimas decisións adoptadas desde San Caetano.
O conflito entre percebeiros e bateeiros segue no centro da polémica. (Foto: Xunta)
photo_camera O conflito entre percebeiros e bateeiros segue no centro da polémica. (Foto: Xunta)

A conselleria do Mar, Rosa Quintana, asegurou esta cuarta feira que a previsión da Xunta da Galiza é que se poidan reabrir "nas próximas mareas" as zonas de extracción de mexilla fechadas nas últimas semanas. Díxoo en declaracións aos medios de comunicación tras ser preguntada pola situación que vive o sector, logo de que esta terza feira a Organización de Produtores do Mexillón da Galiza (Opmega), a cooperativa Amegrove e a Sociedade Cooperativa Mexilloneiros da Galiza (Socomgal) abandonasen a mesa de diálogo da mexilla que mantiñan coa Consellaría tras os últimos fechamentos de zonas decretados.

Tal e como explicou Quintana, no mes de febreiro adaptáronse os plans de explotación do percebe para poder abrir varias zonas novas de extracción de mexilla, que alcanzaban os 130 quilómetros de costa. En marzo, precisou, abríronse máis zonas, uns 22 quilómetros, tomando como base a orde que regula a extracción de mexilla. Foron estas últimas aperturas as que as confrarías recorreron e fecharon recentemente.

Agora os servizos xurídicos da Xunta entenden que a mellor forma de reabrilos é volver utilizar a fórmula de adaptar os plans de explotación do percebe, polo que o Goberno galego xa traballa niso, para que "nas próximas mareas" poidan reabrirse e, desta maneira, as organizacións do sector do mexillón volvan á mesa de diálogo.

Rosa Quintana avogou por un "entendemento" entre o sector do mexillón e os percebeiros para buscar "puntos de equilibrio e consenso". Ela reivindicou o traballo do Goberno galego a respecto desta cuestión, na procura, afirmou, de posibilidades ante un "ano complicado" con "pouca abundancia de mexilla".

Abandono das conversas

As entidades de mexilloeiros anunciaron esta terza feira a súa saída da mesa de diálogo coa Xunta criticando "unha situación kafkiana onde a Consellaría resolve en contra da propia Consellaría e na que os afectados somos todos os bateeiros".

Para os produtores de mexillón, "Mar está a actuar ao ditado das confrarías, prexudicando a un sector como o do mexillón de gran importancia para as zonas costeiras, tanto polo número de traballadores como polo volume de negocio que xera ao redor".

Ante a "gravidade" da situación, as tres organizacións esixiron á Consellaría que se reverta este fechamento e retorne ao escenario previo. Tamén solicitaron que se resolvan as súas peticións "coa máxima urxencia".

Comentarios