A realidade do mercado laboral galego: o emprego medra nos sectores con máis baixos salarios

Nas cinco actividades con soldos anuais por riba da media hai menos asalariados agora que no comezo da crise. O contrario do que acontece naqueles sectores con remuneracións máis baixas para os traballadores.

Estudo sobre ingresos salariais de 2016 elaborado polo Gabinete de Economía da CIG e presentado esta semana constata o avanzo de precariedade laboral, o incremento das desigualdades entre persoas asalariadas e a importante perda de poder adquisitivo da poboación do noso país nestes anos. Mais nese completo informe tamén se fornecen dados que permiten facerse una idea certa do grao de mutación que nestes anos de crise sufriu o mercado laboral galego.

Onde os salarios son máis baixos -incluso inferiores ao ano 2009- é na rama de actividade onde se incrementou a ocupación en maior medida

Nese estudo recóllense cinco actividades con salarios medios anuais superiores á media do salario en Galiza: 18.114 euros brutos. Un salario, por certo, inferior ao que se rexistraba en 2009, cando era de 18.217 euros anuais. Esas cinco actividades son as entidades financeiras e aseguradoras (32.025 euros medios anuais), Industria extractiva, enerxía e auga (27.875 euros), Información e comunicación (22.970), Servizos sociais (22.800) e Industria (20.719). En todas e cada unha delas hai agora menos traballadoras e traballadores que en 2009.

Así, por exemplo, en Industria hai 27.000 persoas asalariadas menos do que en 2009, en Entidades financeiras e aseguradoras son 7.000 menos e en Industria extractiva, enerxía e auga perto de 6.000 traballadoras e traballadores menos que daquela.

A outra cara da moeda

 

A outra cara da moeda represéntana aquelas cinco actividades cun salario medio por baixo do salario medio anual  galego que, lembremos, é de 18.114 euros anuais. Son comercio, transporte e reparacións (17.000 euros de salario medio anual), Construción e actividades inmobiliarias (17.000), Agricultura, silvicultura e pesca (14.300), Servizo ás empresas (14.000) e Outros servizos (8.781).  Foi en tres destas actividades onde se gañou emprego desde 2009. Nomeadamente en ‘Outros servizos’, con 24.000 persoas empregadas máis agora do que hai nove anos.

 Por exemplo, en Industria hai 27.000 asalariados menos que en 2009. Pola contra, onde se incrementou a ocupación en maior medida, 24.000 persoas ocupadas máis,  foi en 'Outros Servizos'"

“Onde os salarios son máis baixos -incluso inferiores ao ano 2009- é na rama de actividade onde se incrementou a ocupación en maior medida, 23.733 persoas ocupadas máis [Outros servizos]. Na seguinte rama onde medrou a ocupación, foi en servizos a empresa, con 6.508 persoas máis. E as diferenzas falan por si mesmas. En resumo, a ocupación medra onde baixan os salarios. De aí que o aumento da desigualdade e da pobreza sexa un feito innegábel”, sostén López Gromaz, do Gabinete económico da CIG.

Comentarios