O PIB galego volve a taxas positivas por primeira vez desde o inicio da pandemia

A economía galega medrou 17,5% no segundo semestre e deixa atrás cinco trimestres consecutivos de caídas.
A reactivación do comercio e da hostalaría contribuíron ao forte crecemento da economía galega (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera A reactivación do comercio e da hostalaría contribuíron ao forte crecemento da economía galega (Foto: Xoán Roberes).

A economía galega dá signos de recuperación, e faino batendo rexistros históricos. No segundo trimestre do ano, o produto interior bruto da Galiza experimentou un crecemento de 17,5% en relación co mesmo período de 2020 ─marcado aínda polo confinamento e as restricións─. Porén, o dato máis relevante é que este incremento devolve o PIB a taxas positivas após cinco trimestres consecutivos de caídas interanuais.

Os datos da contabilidade trimestral do Instituto Galego de Estatística (IGE) dados a coñecer hoxe revelan que, xunto a ese primeiro crecemento positivo, o PIB galego medrou 3% en taxa intertrimestral entre abril e xuño dúas décimas máis que a media estatal.

As chaves desta recuperación atópanse, desde o punto de vista da demanda, na reactivación do consumo dos fogares galegos, cunha alza no segundo trimestre de 23,4%, en parte pola fin das restricións á mobilidade entre territorios. Tamén axudou o incremento do consumo das administracións públicas, que aumentou un 8,2%, máis do dobre que no conxunto estatal. A formación bruta de capital anotouse un ascenso do 17,8%.

No que respecta á oferta, os servizos e a industria tiveron os maiores aumentos, cun 19,8% 18,7%, respectivamente, mentres que a construción incrementouse nun 9,3%. No entanto, o sector primario rexistrou taxas negativas, segundo precisa a Consellaría de Facenda, "debido a que foi o que menos sufriu o impacto da pandemia o ano pasado".

Impacto no emprego

Esta mellora da actividade dos diferentes sectores entre abril e xuño con respecto ao mesmo período do ano anterior deixa tamén bos datos en materia de emprego. 

Así, segundo reflicte a contabilidade trimestral do IGE o emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, experimentou unha suba de 26,7%, sete puntos por encima da media de territorios do Estado español.

En relación ao trimestre anterior, creáronse na Galiza 18.381 postos de traballo. Novamente a construción, 36,8% máis persoas traballando neste sector, volve tirar da recuperación, seguido do sector servizos, no que o emprego aumentou (29,6%).

Neste ámbito, a reapertura da hostalaría e a volta do turismo foron as artífices deste crecemento. De feito, só a rama de comercio transporte e hostalaría apuntouse un avance de 53,8% neste período.

Pola súa banda, na industria, os postos de traballo equivalentes a tempo completo creceron 23,3%, mentres que no sector primario quedou no 2%.

Comentarios