Rato dimite como presidente de Bankia e o Goberno español inxecta 10.000 millóns de euros para a salvar

Rodrigo Rato anunciou que vai dimitir como máximo responsábel de Bankia ao tempo que o goberno español rescatará a entidade con 10.000 millóns de euros de diñeiro público

O vórtice da economía neoliberal é quen de devorar até os seus fillos e fillas predilectos. Rodrigo Rato anunciou a súa intención de dimitir como presidente de Bankia, unha entidade que xurdiu en pleno proceso de reordenación "mimada" polas administracións e gobernos en mans do PP.

Esta renuncia prodúcese horas despois de que fontes próximas ao Goberno español anunciasen a intención de inxectar entre 7.000 e 10.000 millóns de euros a través do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB), organismo dependente do Banco de España. Como no lema do exército estadounidense, "nunca deixaremos un dos nosos atrás". Fontes do Ministerio de Economía indicaron que Bankia se beneficiará de axudas públicas en forma de bonos continxentes convertíbeis.

Banco Financiero y de Ahorros (BFA), a matriz de Bankia, tiña unha exposición ao sector inmobiliario e promotor de 37.517 millóns de euros no remate do 2011, segundo os resultados sen auditar remitidos pola entidade á Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV). Do importe total de exposición ao sector inmobiliario e da construción, 10.564 millóns tiñan carácter dubidoso, un 36,5% máis que en 2010, mentres que os subestándar reducíronse nun 18,6%, até os 7.283 millóns de euros.

Comentarios