Ramom López-Suevos: "A Unión Europea non era necesaria nin progresista"

Nado en 1943 en Ferrol, Ramom López-Suevos licenciouse en Ciencias Económicas e incorporouse como profesor á Universidade de Santiago en 1970. Hoxe participa dun debate en que se presenta a reedición de 'Problemática nacional e colonialismo: o caso galego' (1978), escrito en colaboración con Francisco Rodríguez.
O profesor e economista Ramom López-Suevos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O profesor e economista Ramom López-Suevos. (Foto: Nós Diario)

—Unha das teses que desenvolveu en Problemática nacional e colonialismo: o caso galego é a caracterización da Galiza como colonia. 44 anos despois, considera que a Galiza segue a ser unha colonia?
Si, así é, quizais con pequenas variacións. Hai xente á que lle chirría o termo colonia porque pensa na situación de territorios alén mar e que iso non se pode dar no noso contexto. Se non queren, que  non lle chamen colonia, mais o que aquí hai é un territorio dominado e administrado por outra potencia e, curiosamente, o concepto de colonia refírese a un territorio dominado por unha potencia estranxeira.

Non controlamos os nosos medios naturais nin riqueza, a lingua en que atenden é outra, a economía é un desastre, sufrimos a emigración... A iso chámaselle unha opresión de tipo colonial. Este non é un país libre e necesita selo.

—O traballo formula unha análise crítica do modelo europeo que adianta en certa medida o exposto nun artigo seu publicado en 1985 baixo o título Galiza e adesom espanhola à CEE. Que lectura fai deste proceso após 37 anos?
Foi peor do que esperabamos. Eramos os únicos que falabamos disto. Para entrar na Comunidade Económica Europea (CEE), hoxe Unión Europea (UE), déronse unha serie de negociacións sobre cuestións que España tería que facer, e habíaas tremendas para Galiza: estaba claro que ía desaparecer a industria naval, así o dixemos algúns e asi foi. Quen entraba na UE era España, non Galiza, non houbo unha Galiza negociando, foi España quen negociou o que lle interesaba, e como nós nin por demografía nin poder económico tiñamos moito peso, estaba claro que para Galiza aquilo non ía saír ben.

Podo estar disposto a admitir que hai unha cultura europea en base á historia, ideas comúns, que pode haber interese en comprar e vender nos países veciños, que haxa interdependencia, que non haxa alfándegas, si libre circulación de mercadorías... mais a UE non era necesaria nin progresista e moito menos cando en 1999 deciden crear a zona euro. É curioso que España non é nacionalista cando se trata de multinacionais americanas ou emitir moeda. Co euro desaparece a peseta e o Banco de España, emisor de moeda (símbolo de existencia dun Estado con poder propio), perde a súa función. É o Banco Central Europeo quen decide a quen e como prestar diñeiro. É quen di o que podemos e o que non podemos facer.

—É autor dunha abondosa bibliografía no ámbito económico, que títulos destacaría?
Do que máis gostei foron tres libros e algúns escritos que sen eu tomar a iniciativa chegaron a ter unha edición portuguesa. De todas formas, na metade da miña vida profesional deixei de escribir libros. O último que publiquei foi A sede da terra (Laiovento, 1995). Pero o que escribín con moito maior traballo detrás foi Socialismo e mercado (Laiovento, 1992).

—Como ve o momento actual?
Hoxe, se me preguntas polo capitalismo, segue a parecerme igual de tremendo que cando era novo. A diferenza é que daquela para min a solución estaba clara: o comunismo. Mais o comunismo acabou como acabou, non só en Rusia. Non funcionou ese sistema con esas estratexias. Agora a xente crese de clase media, cun traballo parcial e salarios de miseria... cada vez hai máis desigualdade, máis extrema dereita... Pero preferiría falar de algo máis positivo: Eu, que desde hai moitos anos non estou en ningún partido, noto un avance importante do nacionalismo. A situación do BNG está hoxe moi por riba en todos os planos do que o foi en calquera momento da súa historia e con calquera líder anterior. Está máis unido e en crecemento. Pode darse o salto.

Tempo Galiza rescata unha obra chave

Tempo Galiza é unha nova editora orientada á publicación de ensaio: lingua, cultura, teoría política… abordando a realidade do país e a internacional "desde unha visión de avance para unha nova Galiza nun mundo máis xusto". Con motivo do lanzamento por parte de Tempo Galiza da segunda edición de Problemática nacional e colonialismo: o caso galego -editado por primeira vez en 1978 por Xistral-, a Agrupación Cultural O Galo reúne esta quinta feira nun coloquio en Compostela os dous autores da obra, Ramom López-Suevos e Francisco Rodríguez.

A mesa redonda, que decorrerá no espazo enocultural Vide, Vide! a partir das 20 horas de hoxe, abordará unha obra chave na que os autores adiantaban a finais dos anos 70 unha análise de conxunto sobre os aspectos basilares da cuestión nacional galega e as súas derivadas asociadas á mesma no plano da acción política.

Comentarios