Presidente da asociación Berries Galiza

Ramiro Touceda, agricultor: "Nestes tempos é común traer produtos doutros lugares e vendelos como galegos"

Ramiro Touceda leva unha explotación familiar que xa tiña seu pai na parroquia de Berres, na Estrada. Cultiva amorodo, xudía e pemento de Padrón. É produtor e comercializador directo a través da empresa Río Ulla. Conta cunha tenda na praza de abastos municipal e tamén en Mercagaliza a través de venda directa. É un dos impulsores, e actual presidente, da asociación Berries Galiza, unha marca que quere impulsar a venda directa de froitos como o amorodo ou o arando. 
O presidente da asociación Berries Galiza, Ramiro Touceda, na súa explotación de Berres, na Estrada (Nós Diario)
photo_camera O presidente da asociación Berries Galiza, Ramiro Touceda, na súa explotación de Berres, na Estrada (Nós Diario)

-Como xurdiu a idea de crear Berries Galiza?

Diversas produtoras e produtores de arandos e amorodos pensamos que sería máis rendíbel traballar de forma conxunta e non individual. Ou tes unha grande explotación ou hai que xuntar a mercancía entre varios. Caso contrario, caes nas mans de intermediarios, mais a nosa idea é negociar directamente.

Por ese motivo creamos a asociación Berries Galiza a finais de 2019, aínda que pola pandemia non a presentamos até agora. Seleccionamos como marca a palabra en inglés que dá nome a todos estes produtos e ademais á framboesa e á grosella. Aínda así estamos abertos a outros produtores de horta pola máxima de que a unión dá a forza. 

-A súa experiencia previa serve agora para esta iniciativa?

Claro que si. Eu como xa estou introducido no mercado a nivel estatal teño contactos para distribuír a mercancía. Non todos os produtores abrirán unha tenda física e para chegar ás e aos consumidores das grandes superficies precísase contar con moita produción, polo que é inviábel sen estar unidos. 

A nosa idea é ofrecer 500 ou 1.000 quilos diarios, dependendo do produto, que lles poida interesar. En todo caso, a asociación non é unha comercializadora. Cada membro é libre de vender onde e a quen queira. En todo caso, poderá vender coa marca que rexistramos de Berries Galiza. A única condición é que o produto sexa galego, producido polo membro ou por unha amizade que lle colle a produción.

-Véndese produto de fóra como galego?

Nestes tempos é común traer produtos doutros lugares e vendelos como galegos. Vexo eu como hai empresas galegas que mercan fóra e fan pasar a mercancía por galega. Esta situación prexudica o produtor de aquí e tamén o consumidor, que pensa que merca un produto galego e en realidade é de calquera parte. Se alguén merca un produto pensando que é de aquí, como o caso do amorodo de Berres que vendo eu, e en realidade é de Portugal ou de Huelva e sae malo, quen queda mal somos os produtores de aquí. 

En realidade houbo un engano por parte do vendedor. Hai moita picardía para facelo de maneira legal. Para evitalo, polo menos na Estrada, só temos como punto de venda a nosa propia tenda. De momento, como o mercado está dominado polas grandes empresas... os pequenos non temos dereito a nada. Non faremos guerra mais tampouco permitiremos que se vendan produtos doutros lados como galegos ou mesmo producidos polo propio vendedor. Eu, no mercado do amorodo, terei en quince días a produción e sei que haberá neste mesmo municipio outro que traerá de Portugal e vai dicir que a produciu na casa.

-Cales son as perspectivas de futuro da asociación? 

De momento somos unha asociación pequena. Agora mesmo temos ao redor de quince explotacións situadas nos municipios de Lalín, Silleda, A Estrada, Teo e Dodro. Con todo, estes días xa se puxeron en contacto outros produtores de Santa Comba e da zona de Ferrol. Agardamos que as administracións conten con nós para espallar este proxecto, polo de agora xa temos o apoio do concello da Estrada

Contactamos con especialistas no coidado das plantas e para poder comercializar a nivel de mercados de abastecemento das grandes cidades. Tamén estamos barallando a idea de contar nun futuro próximo cunha tenda en liña de Berries Galiza. En todo caso, deberíamos poder contar cunha capacidade económica maior da que temos na actualidade.

Comentarios