AP-9

Rajoy inaugura entre protestas a ampliación de Rande

Membros do BNG, entre eles o deputado Luís Bará, manifestáronse esta mañá nos accesos á Ponte de Rande, na AP-9, durante a visita do presidente do goberno español, Mariano Rajoy, acompañado polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, que ían inaugurar a ampliación da ponte semanas despois do anuncio de que a concesionaria subirá de novo as peaxes a partir do 1 de xaneiro, repercutindo os custes das obras, inda por rematar, sobre os usuarios da principal vía de comunicación do país. 

Protesta del BNG diante de Mariano Rajoy esta mañá en Rande
photo_camera Protesta do BNG esta mañá en Rande.

O incremento das tarifas será dun 1,9 % inicialmente, para chegar até o 3% durante o próximo ano. Audasa, a concesionaria, estima en 130 millóns de euros o investimento nas obras que se fixeron de acordo coas condicións de financiamento asinadas nun convenio co Ministerio de Fomento en 2011, daquela dirixido polo socialista lucense José Blanco, quen esta semana queixouse por non ter sido convidado ao acto de inauguración. Si estiveron presentes, ademais de Rajoy e Feijóo, a presidenta do Parlamento español, Ana Pastor, o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e o alcalde de Vigo, Albel Caballero -o único alcalde da contorna que acudiu ao acto-, entre outras autoridades.

Feijoó, Rajoy, Pastor, o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e o alcalde de Vigo, durante a inauguraciónEsta cuarta feira, nun acto en Pontevedra contra o aumento das peaxes, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou con firmeza o "saqueo á eonomía de Galiza" e advertiu que as nacionalistas non aceptarán o espolio dunhas peaxes abusivas. Pontón pediu ese día que se cancelara a inauguración de hoxe por respecto a todas e todos os usuarios da AP-9, xa que esta ampliación, lembrou, non a pagarán nin Rajoy nin Feijóo nin Pastor, "pagarémola todos e todas as galegas coas peaxes a Audasa".

O BNG coninúa a reclamar a transferencia a Galiza da xestión da AP-9 e a rebaixa das peaxes que, segundo os seus cálculos, subiron un 36% desde que goberna Rajoy, catro veces máis co IPC.

Durante a súa intervención, Núñez Feijóo, o presidente da Xunta, non fixo referencia algunha á proposta de traspaso das competencias sobre a AP-9, e respecto da demanda de eliminar a peaxe entre Redondela e Vigo afirmou que é "impresicindíbel" unha "reflexión" na comisión que conforman a Xunta e Fomento para atopar "unha solución satisfactoria".

Identificados e retidos

Nun comunicado emitido pouco antes das cinco da tarde, o BNG denunciou que quince militantes nacionalistas que se achegaron até o lugar do acto de inauguración cunha pancarta (Non á estafa") foron retidos durante máis de media hora e identificados no que o Bloque cualifica como "actuación desproporcionada" da Garda Civil.