Rajoy: “Estou moi satisfeito. É un paso na boa dirección”

O presidente español comparece para cualificar como liña de crédito un rescate e afirmar que de non ser polas medidas adoptadas polo seu goberno nestes cinco meses España tería sido intervida
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

O presidente do goberno español, Mariano Rajoy, compareceu finalmente para falar do rescate. E fíxoo 16 horas despois da reunión da Zona Euro onde se tomou esa medida e tres horas antes de tomar un avión para Polonia para ver o partido da selección española.

Rajoy, que en todo momento evitou pronunciar a palabra rescate, defineu o acontecido como “unha apertura de liña de crédito europea para o nosos sistema financeiro” e asegurou que con esta decisión, “Europa estivo á altura das circunstancias”.

O presidente mesmo chegou a sinalar que “se nestes cinco meses non chegamos a facer o que fixemos, a facer os deberes, o que se decidiría o sábado (na xuntanza do Eurogrupo) sería a intervención de España”. Nesta liña, incidiu que as medidas adoptadas polo executivo español evitaron a intervención e lograron o que califou en todo momento na súa intervención como “liña de crédito”.

“Isto tería que terse feito hai tres anos”

Rajoy mesmo asegurou que “isto tería que terse feito hai tres anos”, lamentando que daquela non se adoptase esta medida (o goberno español estaba en mans dos socialistas) e negou calquera tipo de presión sobre España nestas semanas para pedir o rescate. É máis, afirmou que “o que presionou fun eu, que quería unha liña de crédito”.

"Ninguén me presionou. O que presionei fun eu, que quería esta liña de crédito"

Na estratexia de defender unha inxección de cartos europeos para España que non vai ter consecuencias aos cidadáns, Mariano Rajoy dixo con rotundidade que “todo isto non vai afectar ao déficit público” e avogou por agardar aos resultados das auditorías que dúas empresas independentes están a facer do sistema bancario español para coñecer a cifra que precisaría este para se sanear.

Todo previsto

O presidente español enmarcou o rescate (para el, liña de crédito) case como un paso previsto e normal no proceso de reestruturación do sistema financeiro español (que xunto coas “reformas estruturais” e o “equilibrio orzamentario”) conforman as tres patas, dixo Rajoy, sobre as que o executivo vai, nesta lexislatura, cumprir os compromisos de “crear emprego e facer medrar a economía”.

Insistindo en que a liña de crédito ata 100.000 millóns de euros era unha boa nova, Rajoy deu a quenda de preguntas aos xornalistas e aí o presidente pasou a xogar ao despexe, tirando balóns fóra. Non concretou nin a cantidade que se precisaría para sanear a banca nin por qué ata o de agora desde o seu goberno se rexeitaba aceptar esa “liña de crédito” se tan beneficiosa ía ser para España. Limitouse a respostar con evasivas e a lamentarque o critiquen por ir ver xogar a selección española: “Se vou, porque vou. E se non vou, porque non vou”

Compostela. 12.35 horas

Rúa do Preguntoiro. Compostela, Minutos escasos da fin da comparecencia de Rajoy. Un vello pregunta cun sorriso a outro, paraugas en man ambos e andar a modiño: “Pero a ver, rescatáronnos ou tocounos a lotaría?”.

@guillermegz: "Un presidente que arruina o pobo ten que irse e xa"

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, empregou a súa conta en Twitter -@guillermegz- para comentar ao vivo a conferencia de imprensa en que Rajoy se referiu permanentemente ao rescate de España como «lo ocurrido ayer«. Esperpéntica porque Rajoy se esforzou en presentar o rescate como un logro.

 "Un Presidente, que falta á palabra, mente, arruína o pobo, e no canto de dar a cara, marcha ver un partido de fútbol, ten que irse e xa", afirma Guillerme en Twitter. Engade que "pois nada, non ten remedio. Rajoy comparecendo, e contentisimo co rescate.Un éxito di. O dito".

Para concluír, o portavoz nacional refréscanos a memoria: «O anterior rescate, que comandou Rajoy, foi o do Prestige».

Comentarios