Rajoy e as eléctricas, a polo peto da cidadanía: a luz sobe até os 80€

Será o prezo do recibo medio após a subida do IVE no tipo xeral desde o 18 até o 21% en setembro, tal e como inclúe o último paquete de medidas anunciado polo Goberno español, unha suba de 1,98€ que se vén sumar ao incremento no prezo do kWh vixente desde xullo, de 3,20€ por recibo

Case 80 euros. Será o prezo medio da factura da luz após a subida do IVE no tipo xeral desde o 18 até o 21% en setembro, tal e como inclúe o último paquete de medidas anunciado polo Goberno español, unha suba de 1,98€ que se vén sumar ao incremento no prezo do kWh vixente desde xullo, de 3,20€ por recibo.

Así as cousas, segundo os datos dun informe de Facua, elaborado ao redor dos datos dunha persoa usuaria con 4,4 kW de potencia contratada e un consumo mensual de 366 kWh --a media no Estado-- pagará ao mes 79,66 euros: 62,63 máis o 27,2% do imposto sobre a electricidade e do IVE. Ollando os datos de abril, o recibo andaba polos 74€. Di Facua que en dez anos o prezo da electricidade se incrementou un 86%. En euros, 442 ao ano.

Máis subas a final de ano?
A pesar do importante desembolso que pagar a factura a luz suporá para as familias no contexto socio-económico actual, o Goberno español non descarta aplicar novas subidas a final de ano para alén de prepararen un cambio regulatorio. Do que se trata é de recortar o dereito d@s consumidor@s a se acolleren á tarifa fixada polo Ministerio de Enerxía, "obrigando a contratar as tarifas no mercado libre, que son aínda máis caras".

Alerta a organización non gobernamental de que a TUR --Tarifa de Último Recurso-- é aprobada cada tres meses a teor do ditado nunha poxa "escura" realizada polas empresas eléctricas e onde o prezo do kWh está decidido antes de que comece o acto polas dúas principais xeneradoras: Endesa e Iberdrola.

O modelo, deseñado por José María Aznar a finais dos '90, complétase ao publicaren no BOE --Boletín Oficial do Estado-- o resultado da poxa, pois o prezo do kWh que se fixa no mercado ao por maior determina o que se aplicará ao consumo doméstico na tarifa que fixa o Goberno central, a TUR. Aínda que tal proceder foi cuestionado polas comisións estatais de Enerxía e da Competencia, o Goberno español segue a resolver a favor das multinacionais, que en 2011 obteron un beneficio que rolda os 10.000 millóns de euros.

Comentarios