Rafael Rivadulla é director técnico de Agronovo

Rafael Rivadulla: “O sector agroalimentario debe apostar moito máis polos aspectos tecnolóxico e ambiental”

Rafael Rivadulla traballa para a asesoría agrícola Agronovo Ecoloxía, unha empresa especializada en xestionar e aconsellar pequenos e medianos empresarios dos sectores agrícola e gandeiro galegos. Nestes días está a participar nuns cursos para o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Son cursos sobre o novo regulamento europeo de produción ecolóxica. Tratarán problemáticas do vacún de leite, vacún de carne, porcino, avicultura...  
Rafael Rivadulla leva 17 anos traballando con Agronovo Ecolóxica. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rafael Rivadulla leva 17 anos traballando con Agronovo Ecolóxica. (Foto: Nós Diario)
-A que se dedican en Agronovo Ecoloxía?

Somos unha asesoría agrícola que comezou a traballar no ano 2004, centrada na agricultura e en todas as súas fases. Estamos especializados en figuras de calidade, certificacións, denominacións de orixe, zonas xeográficas protexidas... E dentro disto, na agricultura e gandaría ecolóxica. Ocupámonos de labores de xestión, apoio técnico e administrativo. Ademais, tamén nos dedicamos a sacar adiante iniciativas que teñen que ver coa produción e distribución de alimentos. Para persoas que tanto parten de cero como para empresas que xa contan cunha bagaxe no sector e que se queren meter nalgunha nova liña de negocio ou vender un novo produto. Aconsellamos que modelo de negocio é mellor, que pasos seguir. Para iso facemos unha análise do modelo de negocio e decidimos cal é a mellor estratexia para obter as axudas que o fagan posíbel.

-Con cantos traballadores contan na asesoría?

Normalmente estamos catro sempre, dous homes e dúas mulleres, pero despois sempre varía. Por exemplo, para labores de formación contratamos novo persoal, ou para proxectos específicos. Agora estamos cinco e cada unha de nós céntrase nun aspecto específico. Temos todas bastante repartido o traballo.

-Despois da pandemia, en que situación se atopa o sector agrícola galego?

Na Galiza tivemos relativa sorte porque se puido seguir traballando, tanto no sector primario como na parte industrial. O sector primario tiña que funcionar si ou si. O que notamos é que dentro do sector si que hai subsectores que non correron a mesma sorte e, ao mellor, durante o peor da pandemia estiveron mal e agora recuperaron, ou ao revés... Un exemplo claro é o tema das exportacións. Hai países que tiveron restrinxida a entrada de produtos procedentes da Galiza, polo que as empresas e explotacións non podían mandar nada fóra do país.

Ademais, o labor comercial deste tipo de negocios mudou totalmente. O feito de que moitas feiras e mercados nacionais e internacionais non puideran ter lugar fixo que se perdera moito ritmo. Esta situación forzou a que as ventas e compras por internet gañasen un enorme peso, incluso entre aquelas persoas que non teñen un amplo coñecemento tecnolóxico. No mundo no que estamos, debería ser normal comprar por internet, ou cando menos, estar en contacto coa xente a través da rede. Por todo isto digo que cada subsector é un mundo completamente distinto e que depende de múltiples factores.

-Semella que o futuro do sector, unha vez volva a unha situación anterior á pandemia, pasa por asimilar esa dixitalización das canles e as plataformas.

No que se refire ao aspecto produtivo do sector, penso que é importante analizar os datos actuais máis polo miúdo, tanto a nivel técnico, referido á propia produción, como a nivel empresarial, no que ten que ver con posíbeis ofertas, operacións e outro tipo de investimentos aos que os negocios deben estar moi atentos. As empresas non poden pensar que teñen un peto máxico do que sacar recursos cando veñen mal dadas. É importante apurar sempre ao máximo calquera oportunidade que se presente. Isto é algo que se ve moito noutros sectores e non tanto no sector agroalimentario. Ademais, o sector debe apostar moito máis polo aspecto ecolóxico e ambiental. Xa antes da pandemia era necesario, e agora moito máis, se queremos cumprir os acordos da Unión Europea en materia agrícola e gandeira antes do ano 2030, como pode ser a superficie agraria útil destinada á produción ecolóxica.

Comentarios