R constata unha caída do consumo de internet polo desconfinamento

O inicio do desconfinamento fai mudar os hábitos de consumo de móbil e internet das galegas.
Sede de R na Coruña (Xoán Roberes).
photo_camera Sede de R na Coruña (Xoán Roberes).

O inicio do desconfinamento trae consigo un cambio nos patróns de consumo das galegas. Así o constata a compañía galega de cable R, integrada no grupo Euskaltel, que confirma un descenso de 15%, até 53,5%, na utilización de acceso a internet nas horas pico (as de maior consumo de forma simultánea), cando hai tan só un mes o incremento de tráfico era de 63%, "o que denota que as persoas xa comezaron a saír a practicar deporte e a pasear", apuntan desde a compañía.

A entrada na fase 1 do desconfinamento tamén repercutiu no uso das liñas de voz móbil, que experimentaron unha débil redución de 5%, pasando de 60 a 55% en hora pico, mentres que o acumulado diario medrou 120%, máis do dobre, polo mantemento das comunicacións por parte das persoas cos seus familiares e amigos. 

O que non variou foi uso do Whatsapp, que mantén o seu crecemento en 300%, o mesmo que as ferramentas colaborativas de videoconferencia (Whatsapp, Skype, Teams, Zoom etc).

Desde R xustifican este comportamento no feito de que as familias se conectan á rede de datos fixa, no canto de móbil, para navegar por internet, ver películas en streaming, realizar videoconferencias con familiares ou amigos, compartir xogos en rede ou teletraballar.

R constatou tamén que nestes días o consumo medio de televisión é de 5,22 horas diarias, isto é 44% máis do habitual, aínda que é un punto menos que hai un mes, por efecto dos horarios de saída para pasear e xogar para as crianzas e as súas familias estabelecidas xa na fase 0.

Por outra banda, os consumos de contidos infantís en televisión creceron 48%. A telefonía fixa, pola súa banda, subiu 90% no período analizado.

Comentarios