Quintana anuncia a retirada da Lei de Acuicultura para intentar frear a mobilización do 27F

Nunha entrevista no programa 'Bos días' recoñeceu que a paralización do borrador “non foi suficiente” para calmar o sector, polo que deu “orde de que se retire”.

rosa quintana conselleira do mar

Que a Xunta estaba preocupada pola repercusión da manifestación convocada para este 27 de febreiro, sábado, polos sectores do mar non era ningún segredo. Que concellos gobernados polo PP aprobasen mocións contra a Lei de Acuicultura e a prol da manifestación non era precisamente motivo de tranquilidade en Monte Pío, sede oficial do presidente galego. O que unido ao unánime rexeitamento do sector a esa lei e o malestar polas políticas da Consellería para o mar, facía que Núñez Feijóo e o PPdeG temesen unha mobilización que, segundo os promotores, espera reunir 30.000 persoas na capital de Galiza.

É neste contexto no que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou a retirada do borrador da lei de acuicultura. Nunha entrevista no programa 'Bos días' da TVG, que recolle Europa Press, a titular do departamento autonómico recoñeceu que "parece ser que tampouco iso é suficiente", pola paralización da lei, polo que anunciou que este mesmo martes pola mañá deu "orde de que se retire" e comunicará aos máis de 300 directivos do sector aos que se remitira o borrador "que se esquezan" del e "que non se vai tramitar ningunha lei de acuicultura en Galicia". "Supoño que con iso lles quedará claro. Esquecemos ter en Galiza unha lei de acuicultura", destacou.


 

Comentarios