Por que quere Amancio Ortega mercar a sede de Facebook, Whatsapp e Instagram en Dublín?

O multimillonario xa é dono doutra sede da compañía Meta, neste caso en Seatle, nos EUA.
O multimillonario Amancio Ortega. (Foto: Europa Press)
photo_camera O multimillonario Amancio Ortega. (Foto: Europa Press)

O fundador de Inditex, Amancio Ortega, negocia estes días a compra da futura sede de Meta, compañía que integra Whatsapp, Instagram e Facebook, en Dublín. Segundo desvelou o portal React News, Ortega está a empregar a compañía de investimentos Pontegadea para levar a cabo a compra, que alcanzaría os 550 millóns de euros.

Esta futura sede, coñecida como Fibonacci Square, conta cunha superficie aproximada de 100.000 metros cadrados, seis edificios e capacidade para albergar máis de 8.000 persoas.

O multimillonario xa é dono doutra sede de Meta, neste caso en Seatle, nos EUA, que adquiriu en 2019 por unha contía próxima aos 375 millóns de euros, e que agora aluga á propia compañía fundada por Marck Zuckerberg.

O Fibonacci Square está proxectado para ser a maior sede de Meta fóra do territorio dos Estados Unidos, e xestionará os efectivos da compañía en Europa, Oriente Medio e África.

Beneficios récord en Inditex

Inditex rexistrou un beneficio neto de 1.794 millóns de euros durante o primeiro semestre do seu exercicio fiscal 2022-2023 (entre o 1 de febreiro e o 31 de xullo), o que supón un incremento de 41% respecto ao mesmo período dun ano antes, segundo informou a pasada semana a compañía, que resaltou que as vendas, resultado bruto de explotación (Ebitda) e beneficio neto alcanzaron un máximo histórico.

En concreto, as vendas, que foron positivas en todas as áreas xeográficas, alcanzaron 14.845 millóns de euros, 24,5% superior ás dun ano antes, mentres que as vendas a tipo de cambio constante creceron 25%.

Pola súa parte, o Ebitda creceu 30%, até 4.029 millóns de euros, mentres que o resultado neto de explotación (Ebit) creceu 44%, até 2.431 millóns de euros.

Comentarios