Pedro Puy, asegurou en comparecencia de imprensa que o goberno que dirixe o seu partido xa tomou medidas para redistribuír a riqueza deste país. Preguntado pola posibilidade de que as grandes fortunas como a do empresario Amancio Ortega tivesen un imposto especial, o voceiro parlamentar do PP deixou ver que a súa formación non creará ningún novo gravame nin aumentará a presión fiscal para as rendas máis altas.
"O PP xa tomou as medidas que tiña que tomar como foi o incremento do imposto sobre as persoas físicas e o tratamento aos Plans de Pensións dos directivos das entidades financeiras". Falou tamén do imposto de sociedade e da imposibilidade de que este tipo de empresas poda ter as facilidades que teñen outras con menos beneficios. Neste sentido sinalou que os impostos non están "só" para redistribuír a riqueza. "Eu felicitaría ao señor Ortega", dixo, "ogallá houbera moitos máis Ortegas que crearan emprego e levaran a súa empresa por todo o mundo".
Nin palabra das SICAV
As denominadas SICAV (Sociedades de Investimento de Capital Variábel) é a figura que empregan as grandes fortunas para evitar o pagamento de impostos ao tributaren tan só o 1%. O patrimonio de Amancio Ortega está exento de tributos e a maior parte do diñeiro que posúe atópase investido neste tipo de produtos. Nin Rajoy nin Feijóo regularon até o de agora este tipo de sociedades malia as críticas recibidas.