Gonzalo Caballero apoia a construción do dique cuberto

O PSdeG pide incluír Navantia nos fondos europeos de recuperación

O secretario xeral dos socialistas galegos (PSdeG), Gonzalo Caballero, desprazouse hoxe a Ferrol para visitar o estaleiro de Navantia, xunto ao alcalde da cidade, o socialista Ángel Mato, e o deputado Martín Seco.
Gonzalo-Caballero-Ferrol-12-11-20-874x675
photo_camera Gonzalo Caballero co alcalde, Ángel Mato, e co deputado, Martín Seco. / Nós Diario

Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, aproveitou a xornada para deixar claro o seu apoio á construción do dique cuberto en Navantia para lograr "un estaleiro moderno, dixital e ecoloxicamente sostíbel".

Para iso o dirixente do PSdeG quixo reclamar que "poida recibir fondos de todos os ámbitos", tanto da Unión Europea como do propio Estado español, e asegurou botar en falta que Feixoo inclúa o estaleiro nos 108 proxectos cos que quere optar a fondos europeos de recuperación.

Gonzalo Caballero mencionou que a Unión Europea sinalou a dixitalización e a transición ecolóxica "como vías a explorar á hora de determinar cales son os proxectos polos que apostar”. 

Na súa intervención, subliñou que a infraestrutura de Navantia é “unha prioridade para o desenvolvemento da Galiza” e dixo que o dique cuberto é tamén “un paso fundamental para lograr o estaleiro 4.0”.

Acto reivindicativo por parte dos traballadores

Operarios do naval de Ferrol, tanto de Navantia como das compañías auxiliares, colgaron a súa roupa de faena no fechamento exterior do estaleiro para facer visíbel a falta de carga de traballo que padece o sector.

A acción reivindicativa estivo protagonizada por unha vintena de delegados, que previamente acudiran até o concello para colgaren no balcón dous monos de traballo e unha pancarta co lema “Investimento en Navantia = Emprego na comarca. Carga de traballo xa”.

Reclaman a construción do dique e novos contratos, xa que a única obra que teñen a día de hoxe é o buque AOR para a Armada de Australia, na súa fase final.

Comentarios