O PSdeG apoia unha ILP para controlar a poboación de xabarín

Xaquín Fernández Leiceaga recibe no Parlamento a Roberto García, o secretario de Unións Agrarias, os promotores da iniciativa.
[Imaxe: PSdeG] Leiceaga e García, durante a rolda de prensa.
photo_camera [Imaxe: PSdeG] Leiceaga e García, durante a rolda de prensa.

"Temos que frear a expansión incontrolada do xabarín non só polos accidentes de tráfico e os danos que está a provocar no rural, senón tamén polas consecuencias sanitarias que pode ter porque sabemos que é unha especie que transmite a peste porcina", indicou Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz parlamentar do PSdG, na presentación conxunta en sede parlamentaria dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que promove o sindicato Unións Agrarias. Fernández Leiceaga insistiu en que a Xunta dispón de "todas as competencias" para intervir nesta materia.

Despois de agradecer o apoio dos socialistas a esta medida, o secretario xeral de Unións Agrarias, reclamou "axilidade" no trámite parlamentario da iniciativa ao tempo que demandaba do goberno da Xunta que abandonase a práctica de "anunciar partidas para indemnizacións que logo quedan en nada, en menos do 7% do comprometido". García explicou que a recollida de sinaturas para ILP vai avanzada e podería presentar nas próximas semanas o número de apoios necesarios para iniciar a súa tramitación. Ademais, lembrou que a iniciativa aspira a "cambiar o marco lexislativo" e evitar que a Xunta continúe "a externalizar o problema deixando a xestión do crecemento descontrolado en mans dos agricultores e gandeiros". 

Comentarios