PSA reduce as súas vendas 30% a nivel mundial no que vai de ano

PSA acumula en 2020 unha caída das vendas mundais superior a 30%
PSA Peugeot Citroën en Vigo.
photo_camera PSA Peugeot Citroën en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A piques de fechar a súa fusión co grupo Fiat, prevista para o arranque de 2021, PSA trata de borrar canto antes o 2020, un ano no que as vendas experimentaron unha forte diminución en todo o mundo. 

Hoxe coñeceuse o dato de novembro, mes no que o grupo francés, que conta cun importante centro de produción en Vigo, matriculou 286.419 vehículos en todo o mundo, o que supón unha caída de 1,5% en comparación coas 290.903 unidades que entregou no mesmo mes de 2019, segundo datos facilitados pola propia empresa.

No que vai de ano, PSA recortou as súas vendas 30,1%, pasando de matricular 3,14 millóns de unidades entre xaneiro e novembro de 2019 a comercializar 2,20 millóns de vehículos no mesmo período do exercicio actual.

Por marcas, Peugeot entregou 129.137 automóbiles o mes pasado, 2% menos, mentres que no que vai de ano matriculou 968.891 unidades, 25,6% menos. Tamén Citroën contraeu as súas vendas 5,3% en novembro, con 79.525 vehículos, e un 29,9% até o mes pasado, con 632.000 unidades.

Pola súa banda, Opel/Vauxhall foi a única marca do consorcio francés que incrementou as súas matriculacións en novembro, con 72.448 unidades, 3,9% máis, aínda que acumula unha baixada de 36,9%, con 562.539 vehículos, en 2020.

Ademais, DS, a firma de luxo de Citroën, vendeu 1,3% menos en novembro, con 5.309 unidades, mentres que no que vai de ano comercializou en todo o mundo 37.869 unidades, 29% menos.

O grupo francés confía en dar a volta a estas malas cifras, aínda que preocupa a entrada en vigor de novas normativas, como o novo código de emisións na Unión Europea, que poderían contraer aínda máis o mercado de automóbiles e mesmo provocar recortes de produción en plantas como a que a multinacional ten en Balaídos.

Comentarios