PSA raña axudas para o coche autónomo

O Goberno español sae ao rescate dos concesionarios, os grandes beneficiarios do plan para o sector, co obxectivo de dar saída aos vehículos que quedaron sen vender polo confinamento, mais industrias como PSA deberán tirar de imaxinación para beneficiarse da liña de innovación, cuxo importe está aínda por determinar.
 
Coche autónomo de PSA en Vigo (PSA).
photo_camera Coche autónomo de PSA en Vigo (PSA).

Hai unhas semanas, o Goberno francés anunciaba un millonario plan de rescate da industria automobilística do país. Cartos que servirían para garantir o emprego e a actividade, e tamén para concentrar en Francia a produción dos vehículos máis 'limpos'.

A planta viguesa do grupo francés PSA podería verse afectada nun futuro por esta medida, xa que quedaría á marxe de novos proxectos de mobilidade eléctrica, aínda que de momento os que ten (Peugeot 2008 e furgonetas K9) parecen non correr perigo. 

O plan posto en marcha esta semana polo Goberno español tampouco resolve o futuro da factoría viguesa. As axudas anunciadas van encamiñadas a darlle saída ao stock de vehículos dos concesionarios, con maiores importes no caso de que o modelo elixido sexa de baixas emisións (híbridos e eléctricos), que non son precisamente os que máis se fabrican na Galiza. 

Pero o plan anunciado polo presidente Pedro Sánchez non ten tantos cartos como aparenta para a industria do automóbil. Na presentación pública do mesmo falou de mobilizar 2.650 millóns de euros para investimentos na cadea de valor da industria até 2022, pero eses cartos virán das convocatorias de 2021 e 2022 dos préstamos Reindus, 1.800 millóns de euros anuais que sairán en parte dos fondos europeos do plan Next Generation UE, aínda por repartir entre os Estados membros, e que se distribuirán polos diferentes sectores produtivos.

Cartos para investigación

O que si está garantida e cuantificada é unha liña de 415 millóns de euros para investigación, desenvolvemento e investigación (I+D+i) tanto en procesos, como pedían os fabricantes, como en produtos, estes últimos máis vinculados aos cuarteis xerais dos grandes grupos automobilísticos, Francia no caso de PSA.

Estes cartos permitirán seguir con proxectos como o do vehículo autónomo promovido polo grupo francés e o Centro Tecnolóxico de Automoción da Galiza (CTAG), que fixo de Vigo a primeira cidade europea pola que rodou un vehículo destas características.

Ademais, a innovación en procesos beneficiarase de vantaxes fiscais, xa que o plan do Goberno español prevé unha dedución no Imposto de Sociedades de 25%, fronte a 12% actual.

O obxectivo do plan é "sentar as bases da industria do mañá", apuntou Sánchez, logrando para iso atraer investimentos necesarios para adaptar e orientar a industria cara as novas demandas dos mercados e aos obxectivos de sostibilidade. O problema radica en que moitas das políticas industriais dítanse fóra das nosas fronteiras e están condicionadas aos plans que deseñen outros Gobernos. 

No caso da factoría viguesa, eses apoios virán marcados pola aposta que faga o grupo francés en desenvolver novos procesos e modernizar as instalacións para adaptalas a esa nova realidade.

De momento, en Vigo aínda non recuperaron a actividade ao 100% mais xa está operativa a cuarta quenda, o que permite que xa estean a traballar unhas 6.000 persoas. Pero até que non se lle dea saída ao stock a produción non volverá á normalidade, polo que o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) seguirá aínda activo. 

Comentarios