PSA alerta da falta de investimentos en electrificación

O grupo francés demanda máis investimentos para que se desenvolva a expansión do vehículo eléctrico no Estado español.
Punto de recarga de vehículo eléctrico no aeroporto da Coruña (Elinsa)
photo_camera Punto de recarga de vehículo eléctrico no aeroporto da Coruña (Elinsa)

O Estado español vai con atraso en facer que a mobilidade eléctrica sexa unha realidade. Advertiuno o director xeral de Comercio do Grupo PSA na Rexión Ibérica, Christophe Prévost,  nun evento sobre a electromovilidade da compañía.

A multinacional é o o único consorcio que produce até tres turismos 100% eléctricos no Estado español e o director xeral de Comercio da compañía explicou que o mercado interior é un dos factores de adxudicación de novos modelos a unha determinada planta por parte da matriz, polo que unha perda de peso do mercado español no ámbito da mobilidade electrificada podería levar a unha baixada da fabricación no mercado nacional. 

A responsabilidade tamén do Estado español

"O desenvolvemento da electrificación non pode ser responsabilidade exclusiva dos fabricantes", reivindicou  Prévost, que deixou claro que a firma francesa está preparada para "liderar" a mobilidade eléctrica.

Por este motivo solicitou ao Goberno español que apoie o despregamento da mobilidade eléctrica e facilite a carga dos coches enchufábeis creando infraestruturas, rede de recarga pública rápida e que traballe na interoperabilidade da mesma coa maior celeridade.

O Grupo PSA tamén anunciou que a finais do ano vindeiro contará con até 12 modelos 100% eléctricos na súa gama de vehículos, así como con até 10 híbridos con conexión das súas marcas Peugeot, Citroën, Opel e DS.

O compromiso da multinacional é que antes de 2025, o 100% dos coches do grupo teña unha versión electrificada.

Comentarios