A protesta da hostalaría chega á residencia de Feixoo

Denuncian en Compostela falta de previsións e axudas diante da súa situación.
En Santiago, concentración de las asociaciones Hostalaría Compostela y Bares, Pubs e Discotecas de Compostela para protestar contra las nuevas restricciones implantadas en la ciudad. Frente a la residencia oficial del presidente de la Xunta en Monte Pío.
photo_camera Imaxe da protesta (Foto: Arxina)

A hostalaría de Compostela está ao límite. Onte este sector, convocado polas asociacións Hostalaría Compostela e Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, amosou o seu descontento diante da residencia oficial do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Monte Pío da capital galega.

As medidas tomadas polo Goberno galego a fin de semana pasada obrigan estes negocios, xunto aos de Teo e Ames, a fechar ás 18 horas após mudar estes municipios as restricións ao grao medio-alto. Ademais prohíbeselles o consumo dentro dos locais.

“Son unhas medidas inxustificadas e desproporcionadas”, opina o voceiro de Hostalaría Compostela, Lois Peres, en declaracións a Nós Diario. Apunta que o anuncio do conselleiro chega o sábado pola tarde para logo publicarse no Diario Oficial da Galiza (DOGA) para entrar en vigor esa mesma medianoite.

“Reclamamos en moitas ocasións poder ter marxe de manobra, máxime cando a nosa situación económica está ao limite”, asegura. Desde a entidade compostelá cren que as medidas adoptadas son “un feche encuberto sen ningún tipo de axuda” polas dificultades de traballar só coas terrazas “co frío que estamos padecendo”. 

Protesta en Monte Pío

“É hora de que o propio presidente tome cartas no asunto”, explica Peres en relación á convocatoria de protesta diante da residencia oficial de Feixoo. O sector respectará as medidas mais piden non ser “discriminados” unha vez que pasadas as festas de Nadal quedase “demostrado que a hostalaría non é o problema da pandemia e dos contaxios polos datos que se están a dar”. Peres lembra que a situación “dista moito da que viven outros territorios do Estado”, que non aplican “as mesmas restricións”. 

En todo caso cre que deberían vir acompañadas de “indemnizacións de maneira inmediata, con resolucións claras, para poder pedir adiantos nas entidades bancarias”. Lembra que hai unha alta porcentaxe das axudas que se convocaron no mes de novembro, que “aínda están sen pagar”.

En concreto, informa que hai problemas “na liña de microempresas, de 4.000 euros, que aseguraron que pagarían 50% en decembro e outro 50% en xaneiro”, mais a día de hoxe “non están nin xustificadas”.

Comentarios