Análise

A protección do consumidor como dereito social fundamental

O economista Xosé Antonio Pena Beiroa analiza para 'Nós Diario' a importancia de preservar os dereitos das persoas consumidoras.
O Estatuto de Autonomía da Galiza recolle que a protección dos consumidores é unha competencia exclusiva (Foto: Álex Rozados).
photo_camera O Estatuto de Autonomía da Galiza recolle que a protección dos consumidores é unha competencia exclusiva. (Ilustración: Álex Rozados)

O 10 de decembro de 1948 a Asemblea Xeral da ONU proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos na que se establecen os dereitos civís, culturais, económicos, políticos e sociais fundamentais que deben desfrutar todas as persoas.

En ningún dos seus seis artigos referidos aos dereitos económicos, sociais e culturais se concreta a defensa dos consumidores como ben xurídico a protexer. Referímonos ao colectivo, definido desde 1985 polas Directivas europeas, que entenden a persoa consumidora como "a persoa física que actúe para un uso que poida considerarse como alleo á súa actividade profesional". É obvio que daquela o réxime franquista nin pertencía á ONU nin tiña a mínima intención de protexer dereitos humanos. 

O estalido da Guerra Fría permitiu ao franquismo, internacionalmente vexado e ignorado, aproveitar o conflito para asinar no 1953 o Concordato co Vaticano e os Pactos de Madrid cos Estados Unidos. As contrapartidas aínda se pagan 70 anos despois. A Igrexa Católica logrou exencións fiscais para os bens e as actividades eclesiásticas, certo control do ensino ou o dereito a operar medios de comunicación, entre outras contrapartidas.

Os USA seguen usando as bases militares de Morón de la Frontera e Rota. Foi o prezo para que o 14 de decembro de 1955 o Estado español ingresase na ONU, mais sen adherirse aos tratados internacionais que recoñecían os dereitos sociais fundamentais, o que non fixo até despois da morte do ditador.

Un avance no recoñecemento dos dereitos dos consumidores deuse despois do discurso de John F. Kennedy no Congreso dos USA en marzo de 1962, no que pronunciou a súa destacada frase "consumidores somos todos", recoñecéndoos como grupo económico e confirmando a responsabilidade do Estado no exercicio da defensa dos seus dereitos.

 A protección dos consumidores está no grupo de dereitos máis febles

O recoñecemento da defensa dos consumidores dentro dos dereitos económicos, sociais e culturais concrétase definitivamente en 1972 cando a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) publicou o seu Informe sobre a política de protección aos consumidores e, a nivel europeo, un ano despois cando a Asemblea Consultiva do Consello de Europa aprobou a súa Carta de Protección dos Consumidores.

Moi avanzada foi a cualificación dos dereitos dos consumidores na progresista Constitución portuguesa de 1976, ao ser incluídos nos principios xerais da organización económica, ao dicir que corresponde prioritariamente ao Estado protexer o consumidor. Pola contra a Constitución española insíreos nos chamados principios reitores da política social e económica. Baixo esta denominación fican dereitos sociais como o da protección da saúde ou o da vivenda; fins de interese xeral como a equidade na distribución da renda; ou mandatos ao lexislador como é o caso das sancións contra atentados ao patrimonio histórico, cultural e artístico. 

O lexislador constitucional só pretendeu dar ao consumidor un conxunto de dereitos en grao inferior a outros dereitos fundamentais, xa que non todos os dereitos económicos e sociais teñen a mesma protección xurídica. A protección dos consumidores encádrase no grupo de dereitos especialmente febles porque se considera que nin a sociedade nin o Estado dependen perentoriamente deles para a súa subsistencia. Son febles porque "as liberdades non valen, na práctica, senón o que valen as súas garantías" que estes dereitos case que non teñen. A súa debilidade foi tal que, a diferenza do establecido na Carta Europea de Protección dos Consumidores do 1973, non inclúe o dereito á reparación do dano.

Porén, a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea aprobada en Niza no ano 2000, que é vinculante para todos os estados membros, si inclúe a protección dos consumidores con rango de igualdade ao resto de dereitos fundamentais das persoas, do que parece deducirse que diante da hipótese dunha reforma constitucional, elevar o rango de protección na mesma da defensa dos consumidores debería ser un dos obxectivos de dita reforma.

A protección dos consumidores non é unha materia expresamente atribuída ao Estado. Poderá corresponder ás comunidades autónomas en virtude de que así o contemplen os seus Estatutos. É o caso de Galicia. Di o artigo 30.1.4 do noso Estatuto que é competencia exclusiva, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, a defensa do consumidor e usuario.

A lei vixente na materia é a de 2012, de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que xa tería que reformarse tendo en conta a vella e non resolta problemática cos grandes subministradores, como banca, enerxéticas e telecomunicacións ou a dos novos servizos de e-comercio. Tampouco as sancións son disuasorias para os que incumpren. Outro suspenso máis dos nosos gobernantes e unha renuncia á defensa dos consumidores fronte aos abusos dos oligopolios.

Comentarios