A propietaria de Povisa fecha a compra do Juan Cardona

Ribera Salud amplía a súa presenza na Galiza
Vista do exterior do hospital Juan Cardona de Ferrol. (Foto: Ribera Salud) #juancardona #hospital #hospitalprivado #ferrol #caranza #saúde #sanidade #riberasalud
photo_camera Vista do exterior do hospital Juan Cardona de Ferrol. (Foto: Ribera Salud)

O grupo sanitario Ribera completou a operación para facerse coa xestión do Hospital Juan Cardona de Ferrol despois de que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) dese luz verde ao acordo do pasado mes de marzo coa Fundación Santo Hospital de Caridade.

O acordo non inclúe a compra do inmóbel, que segue en mans da Fundación, segundo informou o grupo nun comunicado. Desde 1974, a Fundación Santo Hospital de Caridade xestionou este centro hospitalario en Ferrol, ao que seguirá vinculado xa que, ademais de manter a propiedade do inmóbel, levará a xestión da súa obra social.

Con esta operación, o grupo Ribera, especializado na provisión de servizos sanitarios públicos e privados, continúa diversificando o seu campo de actividade e consolida a súa presenza na sanidade galega, após a adquisición dos hospitais Ribera Povisa de Vigo en decembro de 2019 e Ribera Polusa e clínicas Santo Domingo de Lugo a finais de 2020.

Segundo Elisa Tarazona, conselleira delegada do grupo Ribera, esta operación supón "un paso máis na consolidación do noso proxecto na Galiza, onde queremos seguir achegando ao sistema de saúde e aprendendo dos grandes profesionais que o conforman, co compromiso de continuar ofrecendo o mellor servizo aos cidadáns".

"É tamén a nosa responsabilidade seguir co gran labor da Fundación e dar continuidade ao excelente equipo de profesionais que fan deste centro un referente na rexión", engadiu.

Pola súa banda, Alberto Lens, presidente-Irmán Maior da Fundación Santo Hospital da Caridade, indicou "esta é a mellor solución para fortalecer a asistencia sanitaria de Ferrol e comarca, asegurar o mantemento do persoal e a propiedade do inmóbel hospital, que é de todos os ferroláns. Así mesmo, asegúrase o sostemento das prestacións sociais que realiza esta tan querida institución desde finais do século  XVIII".

Con máis de 22.000 metros cadrados, o Juan Cardona é o único centro hospitalario privado de Ferrol e traballa coas principais aseguradoras sanitarias. Conta cun total de 183 camas, catro quirófanos, seis unidades de hospitalización e Unidade de Coidados Intensivos, unha completa carteira de servizos e un cadro de persoal formado por 300 profesionais.

Comentarios