Produtores de leite saen á rúa en Portugal contra os baixos prezos

O prezo medio en xaneiro foi de 28,6 euros por litro, 11 menos que a comezos de 2015 e 5 céntimos por baixo do custo de produción. En 20 anos o país perdeu 90% das explotacións leiteiras.

Leite portugal
photo_camera Imaxe: Aprolep

En 1993 había en Portugal 61.000 produtores de leite. Na actualidade non chegan a 7.000. Portugal perdeu en dúas décadas o 90% dos produtores. Unha queda que deixou pegada nomeadamente en territorios como as Açores, que ten no leite un alicerce da súa economía local. Nesta illa, en dúas décadas, pasouse de 6.300 explotacións a menos de 2.900.

En xaneiro, o prezo medio qo que se lles pagou o leite aos produtores en Portugal foi de 28,6 céntimos por litro, 11 céntimos menos que en xaneiro de 2015. O custo de produción dun litro de leite no país veciño anda polos 34 céntimos. “Há situações desesperantes de agricultores que recebem menos de 20 cêntimos por litro de leite produzido, bem como outros que só poderão manter o preço se reduzirem drasticamente a produção. Estão em risco seis mil empresas de produção de leite, suas famílias, funcionários e todo a cadeia de fornecedores de produtos e serviços”, afirman desde Aprolep, Associação produtores de leite de Portugal.

Por iso, este 14 de marzo os produtores portugueses están chamados a se mobilizar, continuando así cos protestos que protagonizan desde hai semanas. A xornada contén concentracións perante grandes superficies comerciais e unha manifestación en Matosinhos. As demandas, por un plan para o sector leiteiro e prezos xustos para os produtores. 

Comentarios