As produtoras lácteas frean os novos contratos

A aprobación no Consello de Ministras da semana pasada dun decreto para poñer orde na fixación dos prezos na cadea alimentaria fixo que boa parte das produtoras de leite da Galiza deixaran de lado a renovación dos seus contratos coas industrias. Agora agardan a que se clarifique o xeito no que se van recoller as medidas contempladas no decreto de Agricultura para poder fechar as negociacións co sector transformador
Explotación leiteira (SLG)
photo_camera Explotación leiteira (SLG)

Onovo decreto lei aprobado polo Consello de Ministras o pasado 25 de febreiro de medidas urxentes na cadea alimentaria está chamado a cambiar as regras de xogo no sector lácteo. O texto legal, que inclúe medidas urxentes como a obrigatoriedade de ter en conta os custos de produción nos contratos, a prohibición de estabelecer prezos por baixo do custe de produción, a prohibición da venda a perdas ou a regulación das promocións comerciais para evitar la banalización dos produtos agrarios, xa empeza a ter os seus efectos na Galiza.

Ulega, a organización de produtoras vencellada a Unións Agrarias e que xestiona a cuarta parte do leite que vai parar ás industrias, decidiu parar a sinatura dos contratos cos grandes grupos leiteiros até que non se aclare o xeito no que estes van recoller os novos requirimentos impostos polo Ministerio de Agricultura que dirixe Luis Planas, e chama ao resto de produtoras a facer o mesmo.

En declaracións a Nós Diario, Óscar Pose, de Ulega, recoñece que as negociacións coas principais industrias lácteas (Corporación Alimentaria Peñasanta, Lactalis e Lactogal) "seguen abertas", se ben as reunións que tiñan previstas desde a aprobación do decreto quedaron adiadas para "despois desta semana". Con todo, indica que as industrias seguen "enrocadas" na súa idea de "manter unha posición unilateral" nas negociacións á hora de fixar os prezos. "O lóxico sería non pelexar produtores con industria, que se desen conta de que  temos dereito a vivir dignamente", apunta Pose. "(A industria) ten por primeira vez a posibilidade de pelexar coa distribución polas súas marxes" e as produtoras "ao que temos medo é a actitude dalgunha industria, que segue a  apremar cos prezos". 

Con todo, recoñece certo cambio de actitude nos últimos tempos, por exemplo coa modificación de "aspectos abusivos nos contratos", como as cláusulas que estabelecían que en caso de conflito tiñan que acudir á Corte Española de Arbitraxe ou a tribunais de fóra da Galiza, o que facía que "o proceso saíse máis caro que a cantidade que a produtora quería reclamar", facendo que en 99% dos casos dita reclamación non prosperase. 

Cifras de xaneiro 

O Ministerio de Agricultura publicou recentemente as declaracións obrigatorias do sector vacún de leite correspondentes a xaneiro, mes no que as entregas aumentaron 3,7%, até as 624.917 toneladas no conxunto do Estado español, das que 38% (240.731 toneladas) corresponden a Galiza. De novo, o prezo pagado polo leite galego foi o máis baixo de todos os territorios, cunha media de 0.326 euros por litro. O número de gandeiras con entregas segue a descender mes tras mes. En xaneiro foron 7.092, case medio cento menos que o mes anterior. E é que, como denuncia o representante de Ulega, "na Galiza seguen a fechar 500 explotacións lácteas cada ano".

"A única alternativa que teñen as gandeiras é incrementar volume de produción para poder facer fronte aos pagos pendentes. Ao ser unha economía de escala non podemos baixar os custos polo problema da terra", explica Pose, que aspira a obter un prezo "digno" polo seu leite "que cubra os custes, pero tamén o noso traballo para poder vivir".   

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.           

Comentarios