Produtor@s de leite mobilizaranse contra ''a destrución do sector'' asinada polo PP

As catro centrais agrogandeiras --Fruga, Sindicato labrego, Unións agrarias e Xóvenes agricultores-- convocan unha protesta nacional o 4 de outubro en Compostela contra unhas políticas que deixaron Galiza con 3 mil granxas leiteiras menos. Unha simple conta permite concluír que, de media, cada ano de goberno de Feijóo supuxo o peche de mil explotacións
Vacas pacendo
photo_camera Tres mil explotacións leiteiras botaron o peche baixo o mandato de Feijóo

Esta quinta feira, catro de setembro, será día de mobilización no agro galego. As catro centrais sindicais --Fruga, Sindicato labrego, Unións agrarias e Xóvenes agricultores-- chaman ás rúas para urxir "unha solución inmediata" ao sector lácteo ante "a gravidade da situación económica" que padecen as explotacións agrarias debido aos baixos prezos do leite. As políticas desenvolvidas no rural nesta última lexislatura avocaron ao peche até 3 mil granxas leiteiras.

Tomando os datos da Fruga, o noso país posúe a metade das explotacións leiteiras do estado español, para alén de producir o 40% do leite. Por conseguinte, a Galiza é "a primeira potencia produtora", e as políticas a aplicar "deberían decidirse aquí, e non en Madrid". Xustamente o 4 de outubro fanse tres meses desde a xuntanza que os sindicatos agrogandeiros mantiveron co presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, para facelo partícipe da situación do sector.

"Resulta incomprensíbel que sexa precisamente na Galiza onde se cobran os prezos do leite mais baixos do Estado e case os máis baixos de toda Europa", apuntaron desde Fruga, facendo fincapé en que gandeiras e gandeiros galeg@s deben facerlle fronte a uns custos de produción cada vez máis elevados "e sen que o Goberno galego faga nada".

Contratos homologados: Madrid cede ás imposicións da industria
Así, desde o Sindicato labrego queixáronse de que, pese ao tempo transcorrido, "non se alcanzou ningún compromiso", e informan de que o sector agrogandeiro volverá xuntarse con Feijóo, desta volta en calidade de candidato do PP á Xunta, e repetiranlle as súas esixencias, ao igual que farán co resto de candidat@s. O obxectivo: que "incorporen as demandas do sector aos seus programas".

No último Consello de ministr@s, o titular de Agricultura, Miguel Arias Cañete, aprobou o paquete lácteo, coa obrigatoriedade dos contratos homologados, unha medida que entrará en vigor o día 3 e que afondará máis aínda na crise de prezos na Galiza, onde o valor do leite en orixe se sitúa nunha media de 27 céntimos por litro. Na liña, tanto Unións agrarias como Xóvenes agricultores reclamaron que @s gandeir@s poidan coñecer o borrador deste paquete, que podería supor "unha nova espada de Damocles riba das súas cabezas", e recoñeceron ser "conscientes" de que o Goberno español "está a ser cómplice da industria". Na Galiza, o sector leiteiro emprega a máis de 67 mil persoas.

Comentarios