A produción vexetal ecolóxica segue a ser a materia pendente na Galiza

A agricultura ecolóxica medra no país, segundo un informe presentado onte polo seu consello regulador. O ano 2020 foi desigual para os diferentes sectores que traballan baixo esta denominación e o leite segue a ser o gran beneficiado. No transfondo negativo cintinúa a baixa repercusión da produción vexetal.   
Explotación ecolóxica de gando na aldea de Condes, en Friol (Irea Blanco).
photo_camera Explotación ecolóxica de gando na aldea de Condes, en Friol (Foto: Irea Blanco).

Os datos presentados esta sexta feira polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega) sobre o comportamento deste sector durante o ano 2020 sinalan un panorama desigual para este tipo de produción na Galiza. A pandemia tivo os seus efectos nalgúns produtos e noutros amosan unha situación allea ás circunstancias froito da emerxencia sanitaria. 

O seu secretario, Javier García, apunta a Nós Diario que a pandemia afectou, sobre todo, aos produtos de alto valor engadido mais non a os outros. "A produción ecolóxica medrou na Galiza malia a chegada da Covid-19", confirma. En relación ao futuro, desde este organismo agardan "un crecemento positivo para este 2021 polas novas incorporacións e polo interese nos operadores en engadir novos produtos".

O informe presentado salienta que nunha década a superficie de produción ecolóxica pasou de 14.167 ha. en 2010 até 32.055 ha. en 2020. As comarcas de Lugo e Ourense seguen a ser onde se sitúa a maior parte das explotacións e representan un 82% da superficie inscrita en agricultura ecolóxica na Galiza. Como aspecto positivo o ano da pandemia fechou con 1.310 explotacións inscritas, o que representa un 10,83% máis que o ano anterior.

Os dous polos territoriais están nas comarcas de Lugo en relación á produción (369 operadores) e as de Pontevedra en relación á Industria (122). No total de operadores, tanto en industria como en produción, hai un incremento dun 11% en relación a 2019.

Na análise do Creaga as vendas certificadas como ecolóxicas medraron un 16,8% en relación a 2019. Houbo 15,58 millóns de euros máis que en 2019 coa produción animal como sector con maior peso con 63,12 millóns de euros, un 58% das vendas certificadas. A facturación medrou máis nas comarcas da Coruña, con 27,2 millóns de euros, un 30% máis que o ano anterior. As comarcas de Lugo teñen o maior volume de produto certificado, con 35,53 millóns de euros.

O leite segue á cabeza

Leite e seus derivados foron o piar dos produtos de orixe animal e os que máis venderon, cunha facturación de 38,2 millóns de euros. Seguíronlle as carnes (15,28 millóns de euros), conservas de peixe (14,3 millóns de euros) e nos ovos (7,8 millóns de euros). Os produtos vexetais medran nos tubérculos, recolleita silvestre e na horticultura.  Pola contra, en 2020 baixan as producións vencelladas á restauración, como son os produtos cárnicos (-3,2%), os produtos de cuarta gama e gourmet englobados noutros elaborados, -10%, e os viños vinagres e sidras cunha caída do 7%. 

A falta de peso da produción vexetal

Concha Blanco, unha das poucas mulleres que forma parte no Craega. Representa o sector vacún ecolóxico polo Sindicato Labrego Galego (SLG), un ramo "demasiado representado" na institución ao seu entender en detrimento da horta que, explica a Nós Diario, "está desaparecendo polas dificultades que teñen cos pagos coa Seguridade Social". Defende o "modelo tradicional de aldea que ten como base a horta" unha actividade que "ás que temos vacas non nos queda tempo de traballar". Recoñece que dentro do seu sector a pandemia afectou ás explotacións que traballaban a carne "pola importancia da hostalaría".   

Gabriel Lopes, da Federación Rural Galega (Fruga), é moi crítico co traballo deste organismo do que se deu de baixa hai dous anos. "A produción vexetal está abandonada aínda que a maior parte dos operadores somos deste sector", explica a Nós Diario, "e iso que as hortalizas, por exemplo, é algo que demanda moito a sociedade galega", engade. Explica os datos do informe favorábeis ao leite pola importancia do operador francés Président e discrepa de que a maior parte da promoción estea enfocada cara o exterior. "Non se ten en conta a venda directa e de proximidade", sentenza. 

Comentarios