A produción industrial medra na Galiza a un ritmo menor que o do Estado

A produción industrial no sector da enerxía caeu 15,5%, un dato que contrasta co crecemento que experimenta a nivel estatal (+10,9%).
Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Carteis de apoio á industria esta cuarta feira ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Instituto Nacional de Estatística (INE) actualizou nesta terza feira os datos do Índice de Produción Industrial (IPI), que segundo os últimos rexistros, de novembro de 2021, repunta 5,6% no conxunto do Estado en relación ao mesmo mes do ano anterior.

Trátase do maior incremento interanual desde xuño de 2021, e permite que a produción industrial regrese a taxas positivas logo de rexistrar en outubro o primeiro descenso após sete meses consecutivos de taxas positivas.

Por sectores, os maiores avances na produción corresponderon aos bens de consumo non duradeiro (+13,8%) e a enerxía (+10,9%), seguidos dos bens de consumo duradeiro (+9,1%) e os bens intermedios (+1%). Só minguaron a súa produción os bens de equipo (-0,5%).

A Galiza medra a un ritmo inferior

A industria galega, pola contra, experimenta un crecemento interanual moito máis cativo que a media estatal: 0,9%.

Con este dato, a Galiza é o segundo territorio que menos medra a nivel de produción industrial após o País Valencià, con 0,2%. Outros cinco territorios deixan unha taxa interanual negativa: A Rioxa (-6,1%), Estremadura (-4,3%), Nafarroa (-1,2%), Castela e León (-0,9%) e Cantabria (-0,6%).

No extremo oposto atópanse Balears (+19,3%), Asturies (+17,5%), Castela-A Mancha (+12,2%), Andalucía (+11%) e Murcia (+10%).

No caso galego, a produción industrial cae 13% nos bens de equipo e 15,5% na enerxía, unha baixada que contrasta co notábel aumento interanual no conxunto do Estado deste ben.

Pola contra, a produción de bens duradeiros incrementouse 50,1% en novembro de 2021 comparando os datos co mesmo mes de 2020. Tamén repuntaron os bens de consumo (+24%) e os bens de consumo non duradeiro (+22,4%), así como os bens intermedios (+6,1%).

Comentarios