A produción industrial en Galiza segue moi por baixo da media española

Aumentou en Galiza 2 pontos menos que no conxunto do Estado. Unha fenda que tamén se percebe na evolución do PIB.

Traballador industria

Esta segunda feira veñen de se coñecer os datos referentes ao Índice de produción industrial (IPI), que en Galiza medrou en novembro un 3,7%, dous puntos por baixo do que o IPI español aumentou nese mesmo período (5,7%). Novos indicadores estes que inciden no risco de 'desenganche' da economía galega a respeito da Estatal, algo que advirte non só a oposición senón tamén analistas e expertos como os do Foro Económico de Galiza.

A produción industrial en Galiza, pois, fica 2 puntos por baixo da media do Estado español. A isto hai que engadir que tamén na evolución do PIB o noso país segue a estar a distancia da media española. O PIB galego experimentou un medre dun 2,1% interanual, lonxe do case 4% que medra o Estado español, practicamente o duplo.

Economistas como Fernando González Laxe ou Santiago Lago Peñas consideraron xa no seu momenton que as dúas causas esenciais do peor comportamento da economía galega son o menor gasto público en Galiza; e o menor consumo privado.

Á vista destes datos, consideran que “debemos ser moi cautos” coa linguaxe da saída da crise, pois dende que comezou a denominada recuperación económica, Galiza só recuperou 2,5 puntos dos 9 puntos de riqueza (PIB) perdidos durante a crise. Mentres que nivel do Estado español xa se recuperou case a metade dos puntos que o PIB perdeu durante a crise.

Comentarios