A produción industrial de Galiza acumula 6 anos de rexistros negativos

O IPI caeu no noso país en abril un 1,4%. Un mal dado a anegadir á queda do 4% en 2014, todo isto mentres aumentaba no Estado español un 1,4%. Un dado a engadir aos que se rexistran desde 2008, excepción feita do 2013.

Operarias nunha carpinteiría industrial
photo_camera Operarias nunha carpinteiría industrial

O Índice de Produción Industrial (IPI) mide a evolución mensual da actividade produtiva das distintas ramas da industria -agás construción-, un indicador do ‘músculo’ económico e no que valorar a dinámica económica de determinada zona. E Galiza non está a rexistrar bos parámetros neste eido, un indicativo máis que preocupante, como sinalan desde o Foro Económico de Galiza, entre outros axentes.

O IPI caeu un 1,4 por cento en Galiza no pasado mes abril a respecto do mesmo mes de 2014. Unha queda que sitúa o noso país como o quinto territorio do Estado con peor rexistro nese mes. No que atinxe aos catro primeiros meses deste ano, esa redución da produción industrial en Galiza foi do 0,3%

En 2014 Galiza rexistrou un IPI cunha queda do 4%. Un importante descenso nun ano, o 2014, no que o índice de produción industrial aumentaba a nivel do Estado español nun 1,4%. O rexistro negativo botaba polo chan os dados positivos do 2013 -o IBI medrara un 3,2%- e volvía situar Galiza na ringleira dos resultados negativos que acumulaba desde 2008 a 2012.

A economía galega, advertiron desde o Foro antes mencionado, en risco de ficar descolgada, experimentando unha evolución menos sólida e máis lenta que a do marco español. Unha situación con efectos directos en eidos como os do emprego.

Comentarios