A produción industrial galega rexistrou en 2022 cifras negativas

O IPI galego é 32,2 puntos inferior ao de 2007.
Entrada de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Entrada de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A actividade industrial fechou 2022 en negativo na Galiza. Segundo os datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o Índice de Produción Industrial (IPI) caeu 1,5% na pasada anualidade. As cifras apuntan a unha contracción na actividade económica para o último semestre do pasado exercicio.

A caída da actividade industrial acelerouse nos últimos meses de 2022. Neste sentido, maniféstase o Índice de Produción Industrial (IPI), que mide a evolución da actividade produtiva das ramas industriais, é dicir, das industrias extractivas, manufactureiras e de produción e distribución de enerxía eléctrica, auga e gas e, de captación, depuración e distribución de auga.

O Índice de Produción Industrial (IPI) diminuíu na Galiza un total de 1,5%. Nesta liña, de todos os compoñentes que conforman o indicador reducíronse os bens de consumo, cunha baixa de 17,4%; os bens de consumo non duradeiro, cunha baixa de 19%, e os bens intermedios, cunha baixa de 10,5%.

Asemade, incrementáronse outros tres elementos do indicador, destacando a alza da enerxía, cunha suba de 27,8% para ese exercicio. Precisamente, os altos prezos enerxéticos para a pasada anualidade explican que a caída do IPI galego non sexa máis elevada. 

O comportamento do Índice de Produción Industrial foi desigual en 2022 no conxunto do Estado español. A este respecto, desde o INE apuntan que “a taxa anual da produción industrial aumenta respecto a novembro de 2021 en oito comunidades autónomas e diminúe nas outras nove”.

Nesta liña, revela que “os maiores incrementos prodúcense en Nafarroa (7,7%), Canarias (4,4%) e Estremadura (4,2%). E os maiores descensos déronse na Rexión de Murcia (13,5%), Asturias (10,8%) e en Andalucía (5,6%)”.

Unha crise estrutural

A crise do sector industrial non ten un carácter conxuntural na Galiza. Nesta dirección, do Índice de Produción Industrial xeral de 2022 está 32,2 puntos por baixo do IPI de 2007, pasando de representar 140,1 puntos nesa anualidade a 107,9 en novembro de 2022, último mes con datos.

Ao tempo, destruíu entre 2007 e 2021 35.200 empregos, sinalando a economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Cadaval que “a Galiza leva perdido un de cada cinco empregos industriais desde o ano 2008”. A industria manufactureira radicada na Galiza perdeu nese período 8% do seu valor engadido bruto (VEB).

Comentarios