A primeira campaña completa após a fin da cota láctea deixa máis baixada de prezos en Galiza

Entre marzo de 2015 e marzo de 2016 o prezo quese paga ao produtor polo litro de leite descendeu un 6,93%.

Explotación leiteira
photo_camera Explotación leiteira

Non é unha novidade falar de baixos prezos do leite en Galiza, unha situación que levou ao fechamento nos últimos anos de miles de explotacións gandeiras no noso país. Só en 2015, foron 690 as granxas que tiveron que botar o fecho no Estado, e das cales 474 eran galegas. Son xa oito anos os que os gandeiros galegos levan sendo os que menos perceben polo seu produto en todo o Estado español.

Seundo os dados publicados pola Asociación galega terra e leite, en marzo deste ano o prezo que se lles pagaba polo litro de leite era un 0,6% inferior á do mes anterior, febreiro. Mais se a comparativa a facemos entre o que se lles pagaba os gandeiros por litro de leite en marzo de 2015 e o que se lle pagou este ano, esa baixada é case do 7%, en concreto, un 6,93%. Porén, aumentou a produción, iso si, a menor medida que a media española. En Galiza a produción aumentou un 1,2% e no conxunto do Estado, perto dun 3,4%.

Por baixo dos 20 céntimos

Os datos da propia Consellería do Medio Rural indican que o pasado mes de febreiro, 6 de cada 100 explotacións galegas venderon o leite por baixo dos 20 céntimos o litro. O SLG, informa Economía Digital, xa pediu a intervención da Axencia de información e control alimentarios para que investigue se a industria está a exercer un “abuso de posición de dominio”. 

Comentarios