Os prezos industriais subiron case 13% no último ano

Os menores custos enerxéticos, porén, fan baixar a inflación industrial da Galiza en 1,7% comparando co mes anterior.
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera Os prezos industriais repuntan na Galiza por baixo da media estatal. (Foto: Antonio Alcobendas)

Os prezos industriais galegos moderaron o seu crecemento interanual o pasado mes de decembro até o 12,9%, por mor dos menores custos enerxéticos, e baixaron 1,7% en relación ao mes anterior, segundo datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, a inflación industrial galega foi case dous puntos menos que a media estatal, que se situou en 14,7%. En concreto, os bens de consumo incrementaron o seu prezo 14,4% ao remate de 2022, mentres que os bens de equipo fixeron o propio en 3,2% e os bens intermedios, 14,7%.

Ademais, a enerxía encareceuse 13,7% entre decembro de 2021 e o mesmo mes de 2022. Con todo, entre novembro e decembro a enerxía caeu 5,3%, permitindo aos prezos industriais suavizar o fechamento do exercicio.

No conxunto do Estado español os prezos industriais moderaron a súa suba interanual o pasado mes de decembro até 14,7% e baixaron 1,7% en relación ao mes anterior, sempre segundo o INE. Coa repunta interanual de decembro, case seis puntos inferior á experimentada en novembro, a inflación do sector industrial encadea 24 meses consecutivos de taxas positivas.

A moderación da taxa interanual dos prezos industriais rexistrada en decembro débese fundamentalmente á enerxía, que recortou a súa variación anual case 15 puntos, até 22,8%, polo abaratamento da produción de enerxía eléctrica e do refino de petróleo, así como aos bens intermedios, cuxa taxa anual baixou máis de 2,5 puntos, até 10,6%, polo menor custo na fabricación de produtos químicos básicos e de produtos de ferro.

Pola contra, os prezos dos bens de consumo non duradeiro elevaron en decembro a súa taxa interanual unha décima, até 14,6%, polo encarecemento da fabricación de aceites e graxas vexetais e animais.

Segundo o INE, sen contar a enerxía, os prezos industriais mostraron o pasado mes de decembro unha repunta interanual de 11,1%, taxa un punto inferior á de novembro e máis de 3,5 puntos por baixo da taxa xeral.

Comentarios