Os prezos industriais na Galiza caen 3,4%

É máis dun punto por riba da media no Estado español que foi de 2,3%.

Os feches golpearon na industria e na construción, non tanto nos servizos.
photo_camera Polígono industrial na Galiza

Os prezos industriais caeron en 3,4% en novembro na Galiza en relación co mesmo mes do ano anterior, de acordo cos datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En evolución mensual, novembro respecto de outubro, os prezos na industria da Galiza baixaron 0,8%, mentres que no que vai de ano a baixada é do 2,2%.

Por tipo de bens, a caída interanual máis pronunciada foi na enerxía, con 9,4%, seguida a bastante distancia polos bens intermedios, cuxos prezos industriais caeron 1,3%, e os bens de consumo duradeiro, que diminuíron 1%.

A nivel estatal, os prezos industriais baixaron 0,5% en novembro en relación ao mes anterior e retrocederon 2,3% en taxa interanual.

Con este recorte interanual, os prezos industriais españois encadean seis meses consecutivos en taxas negativas despois de estar 32 meses en positivo.

Comentarios