Os prezos industriais caen na Galiza en 8,8%

No mes de abril. A caída media no Estado foi de 8,4%.

Persoas traballando nunha cadea de montaxe (Foto: Nós Diario).

Os prezos industriais caeron 8,8% en abril na Galiza en relación ao mesmo mes do ano anterior, por riba da media no Estado español (-8,4%), que rexistrou a súa peor cifra desde o inicio da serie, en 1975.

Segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa interanual do índice de prezos industriais continúa a tendencia iniciada na Galiza en xuño de 2019, cando comezaron a rexistrarse as cifras negativas despois de dous anos e medio en estado positivo.

Así mesmo, a taxa mensual presentou un descenso do 3,42% e acumula tres meses en cifras negativas.

Por destino económico, a taxa mensual dos bens de consumo rexistrou unha caída de 0,1 na Galiza e a taxa interanual creceu 1,1%. A taxa mensual dos bens de consumo duradeiros aumentou 0,2%, mentres que a taxa interanual aumentou 0,8%.

A taxa mensual de bens de consumo non duradeiro caeu 0,1% e a taxa interanual subiu 1,2%. Os bens de capital rexistraron un aumento de 0,1% con respecto ao mes anterior e un aumento de 0,2% con respecto a abril de 2019.

Comentarios