O prezo da vivenda dispárase na Galiza: tanto a libre como a de segunda man repuntan por riba de 8%

O custo da vivenda libre medrou 8,3% no primeiro trimestre de 2022.
A vivenda de nova construción escasea na Galiza, mentres aumenta noutros puntos do Estado. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera O prezo da vivenda de nova construción dispárase na Galiza. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O prezo da vivenda libre na Galiza medrou 8,3% no primeiro trimestre do presente ano, en comparanza co mesmo período de 2021, segundo o Índice de Prezos de Vivenda publicado esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta maneira, o custo da vivenda libre no país incrementouse entre xaneiro e marzo 0,2 puntos menos que a media estatal, xa que no total do Estado español disparouse 8,5% no primeiro trimestre deste ano.

No que vai de 2022, o prezo da vivenda incrementouse 2,4% en Galicia, tamén por baixo, aínda que de novo só por dous puntos, do incremento estatal (+2,6%).

En concreto, o custo da vivenda nova na Galiza aumentou 9,2% no primeiro trimestre, en comparación con xaneiro e marzo de 2021, así como 3,8% no que vai de ano.

Pola súa parte, o prezo da vivenda de segunda man subiu tamén de forma semellante (+8,1%) en termos interanuais, e 2,1% desde xaneiro deste ano.

Datos estatais

A nivel estatal, o prezo da vivenda libre subiu 8,5% no primeiro trimestre en taxa interanual, máis de dous puntos por riba do trimestre anterior e a súa maior repunta desde o terceiro trimestre de 2007, segundo os datos do INE.

Coa suba do primeiro trimestre, que supera en máis de dous puntos a do trimestre anterior, o prezo da vivenda libre acumula xa 32 trimestres de crecementos interanuais.

Por tipo de vivenda, o prezo da vivenda nova disparouse 10,1% en comparanza co primeiro trimestre de 2021, catro puntos por riba da taxa interanual rexistrada no último trimestre do ano pasado e a máis alta desde o primeiro trimestre de 2019.

Noutra orde, o prezo da vivenda usada incrementouse 8,2% en taxa interanual, case dous puntos máis que o trimestre anterior e o seu maior ritmo de crecemento desde o segundo trimestre de 2007, xusto antes do inicio da crise financeira.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios