O prezo medio da luz sobe 32%, até os 152,61 euros/MWh

Esta segunda feira a luz foi máis barata entre as 4 e as 5 horas, mentres o prezo máximo será de 20 a 21 horas.
Segue en Nós Diario a evolución do prezo da luz. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ao prezo do 'pool' eléctrico súmase a compensación ás gasistas. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da electricidade para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado grosista subirá 32,62% esta segunda feira a respecto deste domingo, até os 152,61 euros/MWh, segundo os datos provisionais da Operadora do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado grosista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de enerxía eléctrica.

Na poxa, o prezo medio da electricidade no mercado grosista, o denominado pool, sitúase para esta segunda feira en 140,23 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, con 205 euros/MWh, mentres que o mínimo da xornada, de 89,64 euros/MWh, deuse entre as 4 e as 5 horas.

A este prezo do pool súmase a indemnización de 12,38 euros/MWh ás gasistas que teñen que pagar as e os consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou aqueles que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha taxa indexada.

En concreto, de non aplicarse este mecanismo para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo medio no Estado español sería de 163,79 euros/MWh, o que supón 11,18 euros/MWh máis que coa compensación para clientes do mercado regulado, que pagarán así 6,8% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros. En concreto, a 'excepción ibérica' marca unha senda para o gas natural para a xeración de electricidade a un prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais e, posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até o remate da medida.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico deu a coñecer a información pública unha proposta de Real Decreto para reducir a volatilidade da taxa regulada, a denominada PVPC, co fin de dotar de maior estabilidade a unha taxa que se viu especialmente afectada pola volatilidade do mercado eléctrico no último ano, dando maior peso ás referencias aos mercados de futuros, que medrarán progresivamente até representar 55% en 2025.

A proposta propón incorporar á fórmula de cálculo do PVPC —contratado polos titulares duns nove millóns de puntos de subministración, 35% do total a nivel estatal— unha cesta de prezos a medio e longo prazo para evitar fortes oscilacións, sen perder referencias de prezos a curto prazo que fomenten o aforro e o consumo eficiente.

Comentarios