O prezo da luz segue escalando a pesar da 'excepción ibérica' e sobe até os 423,36 euros/MWh

A luz é hoxe 214% máis cara que un ano atrás; porén, sen a 'excepción' para o Estado español e Portugal o custo sería de 510,37 euros/MWh.
O prezo da luz sobe esta quinta feira (Foto: Khunatorn).
photo_camera A factura da luz é hoxe 214% máis elevada que hai xusto un ano. (Foto: Khunatorn)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado maiorista subirá nesta segunda feira 10,7% a respecto deste domingo, até os 423,36 euros por megawatt hora (MWh), segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Deste modo, o custo da luz rexistra un incremento de até 214% en comparanza coa situación de hai xusto un ano, o 29 de agosto de 2021, cando o prezo medio ficou en 134,7 euros/MWh.

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade. Desta maneira, o prezo volve subir con forza e achégase aos máximos desde a entrada en vigor da 'excepción ibérica', rexistrados na terza e cuarta feira da pasada semana, cando escalou até os 436,25 euros/MWh.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado maiorista, o denominado pool, situouse para esta segunda feira en 188,42 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 21 e as 22 horas, con 253,07 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 132,90 euros/MWh, darase entre as 15 horas e as 16 horas.

A este prezo do pool súmase a compensación de 243,94 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada. Esta espiral de prezos altos da luz que se deu ao longo dos últimos días estivo impulsada por uns niveis do prezo do gas natural en niveis máximos, debido, principalmente, ao anuncio de Gazprom de cortar a partir do 31 de agosto e durante tres días o bombeo de gas a Alemaña.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da electricidade no Estado español sería de media 510,37 euros/MWh, o que supón uns 87 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así 17,05% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros. En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade dun prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

O Goberno español estima que a 'excepción ibérica' supuxo un aforro de 1.383 millóns de euros para os consumidores nos seus dous primeiros meses de vixencia. Esta cifra representa un aforro de 22 millóns de euros diarios desde a entrada en vigor do mecanismo.

Comentarios