O prezo da luz sobe este domingo 222% en comparanza co mesmo día de 2021

A ministra Teresa Ribera vaticina que a escalada de prezos continuará nos vindeiros meses, e cre que "non é razoábel" que as compañías eléctricas "estean a facer moitos cartos" por mor do "deseño do mercado eléctrico".
A luz baixa o seu prezo esta cuarta feira. (Foto: Josfor).
photo_camera A tarifa media este domingo é de 136,97 euros/MWh (Foto: Josfor).

O prezo medio da enerxía eléctrica no mercado maiorista alcanza este domingo os 136,97 euros por megawatt/hora (euros/MWh), o que supón unha suba de 11,7% a respecto deste sábado 1 de xaneiro.

Mais, en comparanza co primeiro domingo de 2021, a tarifa media aumenta en 222,2%, xa que daquela marcara 42,51 euros/MWh.

Por treitos horarios, o prezo mínimo da luz para este domingo darase entre as 12 e as 13 horas, con 103,7 euros/MWh, ao tempo que o máximo, de 209,1 euros/MWh, rexistrarase entre as 22 e as 23 horas.

O pasado mes de decembro fechou como o máis caro da historia, cunha tarifa media de 239,1 euros.

Evolución do prezo medio mensual da luz en 2020 e 2021

Prórroga nas rebaixas fiscais

Cómpre lembrar que o Goberno estatal ampliou até o vindeiro 30 de abril a rebaixa dos impostos incluídos na factura da luz de todas as persoas consumidoras, a fin de paliar o efecto negativo que a suba tarifaria está a provocar.

Así, o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) fica en 10%, no canto de 21%, e o imposto especial eléctrico segue en 0,5% fronte a 5,11% inicial. Porén, a suspensión do imposto de xeración a 7% que pagan as empresas só se manterá, polo de agora, até o 31 de marzo.

Teresa Ribera non ve "razoábel" o comportamento das eléctricas

A vicepresidenta terceira do Estado e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, asegurou este domingo que o seu Executivo está a traballar para "impulsar axudas que palien esta suba do prezo da luz", con especial atención ás familias vulnerábeis.

A respecto do comportamento das compañías eléctricas, a ministra apuntou: "Aquí hai quen, como consecuencia do deseño do mercado, da luz, do gas ou dos dereitos de CO2 dentro e fóra da Unión Europea, está a facer moitos cartos, e non é razoábel que sexa así".

As tensións nos prezos da luz, prognosticou, continuarán os vindeiros meses.

Comentarios