O prezo da luz sobe 20%: estas son as horas máis baratas

O prezo medio da electricidade elévase esta quinta feira até os 286,03 euros/MWh.

Unha persoa prende a luz (Foto: Nós Diario).
photo_camera A luz é hoxe 62,6% máis cara que hai xusto un ano. (Foto: Nós Diario)

O prezo medio da luz para as persoas clientas de tarifa regulada vinculadas ao mercado grosista subirá esta quinta feira 20,02% a respecto da cuarta, até os 286,03 euros por megawatt e hora (MWh), segundo datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado grosista á compensación que pagará a demanda ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de electricidade.

Na poxa, o prezo medio da luz no mercado grosista, o denominado pool, ficará esta quinta feira en 175,42 euros/MWh. O prezo máximo rexistrarase entre as 20 e as 21 horas, con 250 euros/MWh, mentres que o mínimo para a xornada, de 138,7 euros/MWh, darase no período comprendido entre as 15 e as 16 horas.

A este prezo do pool súmase a compensación de 110,61 euros/MWh ás gasistas que ten que ser abonada polos consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou os que, a pesar de estaren no mercado libre, teñen unha tarifa indexada.

En ausencia do mecanismo da 'excepción ibérica' para topar o prezo do gas para a xeración de electricidade, o prezo da electricidade no Estado español sería de media uns 331,37 euros/MWh, o que supón 45,34 euros/MWh máis que coa compensación para os clientes da tarifa regulada, que pagarán así 13,68% menos de media.

Porén, o prezo desta quinta feira é até 62,6% superior ao rexistrado hai xusto un ano, o 22 de setembro de 2021, cando o megawatt por hora de luz tiña un custo medio de 175,87 euros.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' fixa unha senda para o gas natural para xeración de electricidade dun prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais, e posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até a finalización da medida.

Comentarios