xoves 27/01/22

O prezo medio da electricidade no mercado maiorista subirá de novo esta segunda feira; en concreto, 82,2% a respecto deste domingo, volvendo así a superar os 200 euros por megawatt hora (euros/MWh).

En concreto, o 'pool' rexistrará nesta xornada un prezo medio de 217,26 euros/ MWh, cando este domingo o prezo estaba en 119,24 euros/ MWh, segundo datos provisionais publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Por tramos horarios, o prezo máximo da luz para este 10 de xaneiro darase entre as 19 horas e as 20 horas, con 294,98 euros/ MWh, mentres que o mínimo, de 158,7 euros/ MWh, rexistrarase entre as 2 horas e as 3 horas.

A respecto de hai un ano, o prezo do 'pool' para esta segunda feira será 227,8% máis caro que o prezo que se rexistrou o 10 de xaneiro de 2021, de só 66,27 euros/ MWh, coincidindo ademais coa borrasca Filomena.

O encarecemento nos últimos meses no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos neste ano.

Decembro, o mes máis caro da historia

O mes de decembro pechou cun prezo medio mensual no mercado maiorista eléctrico de 239,1 euros, o máis alto da historia tras superar en máis de 39 euros os 200 euros/ MWh do pasado outubro.

En consecuencia, o Goberno estatal ampliou ata o 30 de abril a rebaixa dos impostos incluídos na factura da luz que pagan todos os consumidores co fin de paliar o efecto negativo que a subida do prezo da electricidade está a causar nos cidadáns.

En concreto, prorrogáronse ata o 30 de abril as rebaixas de 21% a 10% do IVE e do imposto especial eléctrico de 5,11% a 0,5%, mínimo legal. Con todo, a suspensión do imposto de xeración ao 7 por cento que pagan as empresas só manterase, polo de agora, até o 31 de marzo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O prezo da luz sobe 228% nun ano: así estará hoxe o megawatt por hora
comentarios