A Galiza segue á cola do Estado no prezo do leite malia achegar 40% da produción total

O litro de leite producido na Galiza págase a 43,1 céntimos, por baixo da media estatal.
#leite #vaca #vacas #gandaría #gandeiros (Foto: Nós Diario)
photo_camera A produción galega de leite minguou en 12.000 toneladas en xuño a respecto do mes de maio. (Foto: Nós Diario)

Os gandeiros e gandeiras galegas percibiron 43,1 céntimos de media por cada litro de leite que produciron en xuño, unha tendencia á alza que continúa, se ben a Galiza non deixa de estar entre as peor pagadas do Estado español.

Así, a cifra galega só supera a do País Valencià —43 céntimos/litro— no territorio peninsular, e fica 0,7 céntimos por baixo da media do Estado —43,8 céntimos—.

Con todo, o avance intermensual nos prezos lácteos da Galiza é de 1,1 céntimos, a maior ritmo que o da media española, onde sobe 0,7 céntimos no último mes.

Pola súa parte, os gandeiros con entregas non deixan de baixar no país: quedan en 6.209 en xuño, 42 menos que o mes anterior. Son máis do dobre dos 11.040 existentes en todo o Estado.

O país produce perto de 40% do leite do Estado español

De forma paralela, as 250.008 toneladas producidas en xuño na Galiza supoñen un descenso a respecto das 262.448 toneladas do mes de maio. Trátase de perto de 40% do que se produce a nivel estatal.

No tocante ao leite cru ecolóxico, alcanzou un prezo de 50,5 céntimos por litro na Galiza, un rexistro novamente inferior ao da media española —52 céntimos—.

Comentarios