Por que se disparou o prezo dos carburantes nas gasolineiras da Galiza?

Estes son os factores que se agochan tras a escalada do custo da gasolina e o gasóleo, asentados por riba dos dous euros por litro.
O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo medio do gasóleo subiu 67% nun ano. (Foto: Nós Diario)
  1. Alza do barril de Brent
  2. Caída do euro
  3. Custos de distribución
  4. Máis caro na Galiza

O pasado 1 de abril entrou en vigor a rebaixa de 20 céntimos por litro de combustíbel aprobada polo Goberno estatal, unha medida que, con todo, quedou sen efecto un mes atrás debido á escalada dos prezos por riba dos dous euros.

Naquela altura o litro de diésel pagábase, por termo medio, a 1,84 euros na Galiza, mentres o prezo da gasolina sen chumbo 95 roldaba os 1,82 euros. Esta segunda feira o seu custo ascende nas gasolineiras do país a 2,08 e 2,135 euros por litro, respectivamente, o que supón que, aínda descontando eses 20 céntimos que bonifica o Executivo de Pedro Sánchez, o prezo é superior ao do 1 de abril en ambos os casos.

Alza do barril de Brent

A causa máis evidente tras a suba dos carburantes é o encarecemento do barril de petróleo Brent —de referencia para Europa—, cuxo custo medrou 10% desde o inicio da invasión rusa de Ucraína o pasado 24 de febreiro.

Así, segundo os datos ofrecidos pola Oficina de Información Enerxética dos EUA, o prezo naquela altura era de 101,29 dólares estadounidenses, mentres esta segunda feira, 4 de xullo, cotiza na contorna dos 111 dólares.

En abril de 2020, no contexto da irrupción da pandemia de Covid-19 no mundo e a consecuente e drástica redución do uso de carburantes por mor do confinamento, o barril chegou a cotizar por baixo dos dez dólares, e mesmo o presente ano principiou cun rexistro de 78,25 dólares, unhas cifras que hoxe se antollan impensábeis.

De feito, en xuño chegou a roldar os 130 dólares, algo que non acontecía desde o estoupido da recesión económica de 2008.

Caída do euro

Outra das cuestións que explican os altos prezos é a perda de valor do euro fronte ao dólar estadounidense nos últimos meses, xa que, a maior devaluación da moeda propia, maior é o custo da transacción internacional.

Este 4 de xullo o euro intercámbiase no mercado de divisas a 1,042 dólares, un rexistro case idéntico ao que fechou o mes de xuño, o que supón un considerábel retroceso en comparanza coa cotización media do euro en febreiro —1,122— e en xullo de 2021, hai xusto un ano —1,187—.

Custos de distribución

Aos puntos anteriores cómpre engadir os custos de distribución do carburante, desde que chega á Galiza como cru até que se reparte nas gasolineiras como produto xa refinado.

Estes custos derivados poden supor, de acordo coas persoas expertas, perto de 15% do prezo de venda, mentres arredor de 35% sería a materia prima —onde repercute o prezo do barril de petróleo— e até 50% a recadación tributaria a través do IVE e o Imposto sobre Hidrocarburos.

Máis caro na Galiza

Malia contar A Coruña conta cunha planta refinadora e instalacións de distribución de carburantes —tamén Vigo—, estes presentan prezos superiores na Galiza que noutros territorios do Estado español, que rexistra no seu conxunto esta segunda feira un prezo medio de 2,048 euros por litro de gasolina 95 —2,001 no caso do gasóleo A—.

Comentarios