O prezo do cru dispárase e a sombra da estanflación asoma na Unión Europea

O veto as importacións rusas de petróleo dispara o prezo do cru nos mercados e compromete a recuperación economíca na UE.
A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), a francesa Christine Lagarde, nun acto en Hamburgo o pasado 27 de abril (Foto: Marcus Brandt / DPA )
photo_camera A presidenta do Banco Central Europeo (BCE), a francesa Christine Lagarde, nun acto en Hamburgo o pasado 27 de abril. (Foto: Marcus Brandt / DPA )

A decisión dos xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea de vetar as importacións de cru procedentes de Rusia sacudiu onte os mercados. O prezo do barril de petróleo Brent, de referencia en Europa, subía antes da apertura das bolsas europeas até os 124,03 dólares, o seu maior valor desde principios de marzo.

O acordo dos Vinte e sete, do que queda fóra o oleoduto de Druzhba, que abastece Hungría, República Checa e Eslovaquia, porá fin antes de que remate o ano ás importacións de cru por vía marítima desde Rusia, o que na práctica supón vetar polo menos dous terzos do total do petróleo que chega á UE.

Esta decisión, terá importantes consecuencias económicas, aínda que o seu impacto será desigual entre os países da Unión. Así, segundo destaca un artigo analítico publicado onte polo Banco de España, 9% dos derivados de petróleo que se consumen na UE se importan de Rusia, unha porcentaxe que no caso español descende a 2,5%. 

O mesmo informe sinala que a interrupción das importacións enerxéticas procedentes de Rusia tería un impacto no produto interior bruto (PIB) español de entre 0,8 e 1,4% no primeiro ano, mentres que en Alemaña estaría entre 1,9 e 3,4%;  entre 1,2 e 2% en Francia, e entre 2,3 e 3,9% en Italia.  

Impacto no diésel 

Para as empresas e as persoas consumidoras, as sancións ao petróleo ruso traduciranse nunha suba dos combustíbeis, en especial do diésel, do que Rusia exportou o pasado ano perto de 900.000 barrís, principalmente ao bloque comunitario e a Reino Unido.

Ese petróleo ten como principal destino Alemaña, onde poderían chegarse a dar casos de racionamento de combustíbel ou roturas de stock se non se atopan  subministradores alternativos, como a China ou Kuwait, ou se a oferta rusa non é asumida por terceiros países.  

En 2020, case 45% das importacións de diésel da UE desde fóra do bloque foron de Rusia, segundo datos de Eurostat.

Porén, desde a Asociación Española de Operadores de Produtos Petrolíferos (AOP) lembran que España é exportador neto de derivados do petróleo grazas a que as refinarías ─entre elas a da Coruña─ permiten o refino de petróleo de numerosas calidades e procedencias (o que beneficia as importacións de países como os Estados Unidos de América) polo que a subministración semella garantida.

Risco de estanflación

Porén a suba dos combustíbeis e o impacto no crecemento da economía aumenta o risco de estanflación en Europa, unha situación que se caracteriza por unha elevada inflación ─fechou en 8,1% en maio na zona euro fronte 7,4% de abril─, un incremento dos prezos e un crecemento reducido. 

Ante esta situación, o consello de goberno do Banco Central Europeo (BCE) prevé reunirse o 9 de xuño para debater novas medidas de política monetaria e anunciar as súas novas proxeccións macroeconómicas.

A presidenta do BCE, Christine Lagarde, amosouse partidarios dunha normalización gradual da política monetaria do BCE, incluíndo subas de 25 puntos nas reunións de xullo e setembro.

Comentarios