O prezo da luz cae este domingo até o nivel máis baixo desde abril

A falta do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración eléctrica, o prezo da electricidade sería de 177,82 euros/MWh de media.
luz
photo_camera O prezo da luz situarase hoxe nos 90,34 euros/MWh, o que supón o seu nivel máis baixo desde que se aplicou a 'excepción ibérica'.

O prezo medio da electricidade para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado maiorista cae este domingo un 42% con respecto a este sábado e situarase por debaixo da barreira dos 100 euros por megavatio hora (MWh) por primeira vez desde o pasado mes de abril.

En concreto, o prezo situarase hoxe nos 90,34 euros/MWh, o que supón a terceira baixada consecutiva e o seu nivel máis baixo desde que se aplicou a 'excepción ibérica', segundo os datos provisionais da Operadora do Mercado Enerxético Ibérico (OMIE).

Este prezo é o resultado de sumar a media da poxa no mercado maiorista á compensación que a demanda pagará ás centrais de ciclo combinado pola aplicación da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración de enerxía eléctrica.

Os 90,34 euros por MWh deste domingo serán tamén o prezo máis baixo para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado maiorista desde o pasado 23 de abril.

Na poxa, o prezo medio da electricidade no mercado maiorista -o denominado 'pool'- sitúase este domingo en 71,97 euros/MWh. O prezo máximo rexistrouse entre as 21:00 e as 22:00 horas, con 156,82 euros/MWh, mentres que o mínimo da xornada, de 1,29 euros/MWh, producirase entre as 15:00 e as 17:00 horas.

A este prezo do 'pool' súmase a indemnización de 18,37 euros/MWh ás gasistas que deben aboar os consumidores beneficiarios da medida, os consumidores da tarifa regulada (PVPC) ou aqueles que, a pesar de estando no mercado libre, teñen unha taxa indexada.

 

Case un 50% menos que sen aplicar a medida

A falta do mecanismo da 'excepción ibérica' para limitar o prezo do gas para a xeración eléctrica, o prezo da electricidade sería de 177,82 euros/MWh de media, o que supón 87,48 euros/MWh máis que coa compensación dos clientes da tarifa regulada, que pagará así un 49,2% menos de media.

O 'mecanismo ibérico', que entrou en vigor o pasado 15 de xuño, limita o prezo do gas para a xeración eléctrica a unha media de 48,8 euros por MWh durante un período de doce meses, cubrindo así o próximo inverno, período no que os prezos da enerxía son máis caros.

En concreto, a 'excepción ibérica' marca unha senda para o gas natural para a xeración de electricidade a un prezo de 40 euros/MWh nos seis meses iniciais e, posteriormente, un incremento mensual de cinco euros/MWh até o remate da medida.

Comentarios