O prezo da vivenda sobe na Galiza un 1,9%, por riba da media do Estado

A vivenda nova dispárase un 10% nun ano.

Vivendas en construción (Foto: Arxina).
photo_camera Vivendas en construción (Arxina).

O prezo da vivenda subiu na Galiza un 1,9% no terceiro trimestre do ano en relación ao mesmo período do ano anterior, máis que a media estatal (+1,7%), segundo o Índice de Prezos de Vivenda ( IPV) do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicado esta quinta feira

En comparativa co trimestre anterior, mantense sen cambios o prezo na Galiza. De media no que vai de ano, a suba é do 1,2%.

O prezo da vivenda nova subiu de forma interanual un 10% no noso país, por riba da media (7,5%); mentres que a de segunda man aumentou 0,9%, tamén máis que o incremento a nivel estatal do 0,8%.

Respecto a a comparativa co segundo trimestre do ano, o prezo da vivenda nova aumentou un 5,3%, superior ao do Estado (+4%). Na de segunda man hai un retroceso de prezo no terceiro trimestre respecto ao segundo trimestre no caso galego (-0,7%), que contrasta que a suba española (+0,6%).

A alza dos prezos leva galegos e galegas a destinaren 29% do seu salario a pagar os alugueiros

O prezo do metro cadrado pasou dos 5,47 euros de 2015 aos 6,75 de 2019, é dicir que se por un piso de 80 metros pagábanse hai un lustro 437 euros, o ano pasado pagábase de media por ese mesmo inmóbel 540 euros.

Mais nese período os salarios non aumentaron do mesmo xeito. Segundo recolle o informe, o incremento do salario medio  bruto anual foi de 7%, ao pasar dos 20.876 euros de 2015 aos 22.337 de 2019, un feito en parte motivado pola suba do salario mínimo interprofesional dos 735,9 euros aos 900 euros.

Comentarios